Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación esíxelle á Xunta un plan autonómico de loita contra a velutina

Por 1 Novembro, 2023Sin comentarios

O Goberno provincial sacou adiante unha proposta coa que reclama ao Executivo autonómico medidas para paliar a expansión dos avespeiros, como están facendo outras comunidades autónomas como Asturias, Navarra ou Illas Baleares.

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia que actúe xa e active un plan autonómico de control da velutina, así como unha liña de axudas para compensar aos apicultores e outros produtores do sector primario afectados, e frear o grave impacto que está ocasionando esta especie invasora. O Goberno provincial sacou desta forma adiante a súa proposta para reclamar ao Executivo autonómico medidas para paliar a expansión dos avespeiros, como están facendo outras comunidades autónomas como Asturias, Navarra ou Illas Baleares. O PSdeG e do BNG votaron a favor, mentres que o PP votou dividido: 10 abstencións e 2 en contra.

A Voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explicou que a “crise da velutina é unha crise xerada durante os mandatos do PP na Xunta e, neste caso, non poden aludir nin a herdanzas recibidas, nin ao tipo de escusas que empregan habitualmente para agochar a súa mala xestión”. Cronoloxicamente, concretou, a expansión da velutina en Galicia coincide cos anos de Goberno do PP na Xunta, “polo que é un fracaso das súas políticas no rural, pois non potenciou nin medidas globais ou integrais, nin implicou ao sistema investigador nin ás universidades para trata de combater esta auténtica praga que ameaza ás persoas e máis ás actividades agrarias”.

A institución provincial insta ao Goberno galego a que este plan se faga dun xeito semellante ao feito en comunidades como Asturias, Navarra ou Illas Baleares, onde se recolla a avaliación e expansión dos avespeiros por zonas ou comarcas. Así mesmo, solicita que, mentres se elabora este plan, se incremente o persoal do Seaga destinado a loitar contra a velutina e se revisen os protocolos de retirada dos avespeiros, mellorando a atención das denuncias e incidencias notificadas e o tempo de resposta na retirada de niños.

“A falta de atención ao rural, a incapacidade de xestión, a escaseza de medios ou a escasa aposta pola investigación marcan as cativas políticas de loita contra a velutina”, evidenciou García Porto, quen sinalou que o mesmo acontece con outras especies coma a ratatoupa ou o xabaril. “A Xunta agocha as súas competencias, non toma medidas e carga nas costas dos afectados a responsabilidade de resolver un problema que é seu”.

A Deputada lembrou que o pasado 11 de outubro tivo lugar en Lugo unha manifestación para reclamar este plan de control e loita contra a actividade desta especie invasora “que ocasiona perdas económicas no sector primario e tamén supón un risco para a saúde dos galegos e galegas”. “A manifestación veu poñer de manifesto, unha vez máis, a despreocupación da Xunta polo sector primario e o rural, e a súa incapacidade para desenvolver políticas eficaces á hora de facer fronte a situacións de crise”. Situou no tempo a aparición desta especie en Galicia no 2011 para exemplificar que, en 10 anos de problema, a súa expansión foi exponencial. “Se no 2012 se retiraron 17 niños de velutina, a propia Xunta recoñece que no pasado 2022 a cantidade se elevou a 22.000, un gran incremento que representa un gran problema”.

“Este verán morreu un apicultor de Melón, Ourense, e estudos científicos revelan que Galicia é a zona de España na que se producen máis vítimas mortais por ataque de vespa, tanto pola común como pola velutina: 28 mortos entre 1999 e 2018, o que supón o 35% do total das vítimas rexistradas en España neste período”, concretou, facendo referencia ao risco que supón este insecto para a saúde das persoas.

Unha liña de axudas aos afectados

A proposta do Goberno provincial tamén inclúe a solicitude dunha liña de axudas específicas para compensar aos apicultores e outros produtores do sector primario polas perdas económicas ocasionadas pola actividade da velutina. “Esta especie invasora ocasiona perdas no sector frutícola e vinícola, pero afecta dun xeito especial aos apicultores porque a velutina ataca e mata ás abellas, fai que non salgan das súas colmeas e, en consecuencia, produzan menos mel”. Unha perda na produción que, segundo os datos dos produtores e produtoras, quen sitúan as perdas anuais “nuns 10.000 ou 12.000 euros ao ano por produtor”.
Así mesmo, a Deputación pide á Xunta que estableza medidas que eximan excepcionalmente ás persoas que se incorporan á actividade agraria e que non puideron afrontar as perdas causadas polos ataques das vespas velutinas, para que non se vexan obrigadas a devolver a axuda ao non acadar os obxectivos económicos marcados no plan empresarial da incorporación.

Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da Deputación de Lugo

O pleno tamén lle deu o visto bo ao Regulamento do Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da Deputación de Lugo (TARCLU), dándolle continuidade ao acordo plenario do mes de xullo para a creación deste tribunal. Este órgano especializado servirá para resolver os recursos especiais en materia de contratación e vén motivado polo alto volume económico da contratación da Deputación de Lugo. Así mesmo, servirá para dar servizo aos concellos da provincia que se adhiran e tamén ás universidades públicas ou calquera outra entidade da provincia que estean suxeitas ao réxime de recursos especial ou reclamacións.

A Deputada de Economía, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, detallou que “con esta medida seguimos avanzando cara unha administración máis áxil, máis eficaz, máis transparente e máis útil aos veciños e veciñas, o obxectivo polo que neste Goberno provincial traballamos cada día”. “A creación do Tribunal responde ao exercicio de competencias naturais desta administración na prestación de servizos aos concellos da provincia de Lugo, brindando a posibilidade da súa adhesión voluntaria cando designen ao tribunal da Deputación como órgano competente para a resolución dos recursos que se interpoñan nos procedementos que tramiten”, sinalou a Deputada.

Este Tribunal Administrativo é un órgano colexiado especializado, que actuará con plena independencia funcional, transparencia e integridade no exercicio das súas competencias. O Regulamento que foi aprobado nesta sesión entrará en vigor en xaneiro de 2024, unha vez sexa publicado no Boletín Oficial da Provincia. O acordo contou cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e en contra do PP.