Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Unhas 8.000 persoas participaron nas viaxes de Coñece a túa provincia

Por 13 Novembro, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo leva xerado un retorno económico de en torno ao medio millón de euros no sector turístico a través do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia dende a súa posta en marcha no ano 2021. Participaron en total 358 colectivos e case 8.000 persoas, que viaxaron gratuitamente polas distintas comarcas grazas a esta iniciativa, coa que a institución provincial busca fomentar o coñecemento dos recursos patrimoniais lucenses entre os propios veciños e veciñas, ao mesmo tempo, dinamizar a actividade do turismo, a hostalería e o comercio.

“Un éxito”, tal e como valorou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, quen sinalou que “este programa contribúe de maneira moi importante a difundir o enorme patrimonio cultural e paisaxístico da provincia e que xera riqueza dinamizando o turismo, a hostalaría e o comercio”. Engadiu García Porto que as experiencias son en xeral moi positivas e que ”tivemos que ir ampliando as prazas, porque todos os anos queda xente en lista de espera”.

Membros da Asociación Aldea Nosa, do Páramo, pecharon esta semana a terceira edición das rutas cunha viaxe a Guntín e Palas de Rei para coñecer diferentes bens patrimoniais, como a igrexa do mosteiro de Ferreira de Pallares, a Ponte Cabalar, a igrexa de Vilar de Donas e o Castelo de Pambre.

A pasada tamén participaron no Coñece a túa provincia dúas asociacións de Lugo, a Federación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Avantar e a Asociación Carpe Diem. Os dous colectivos escolleron a Mariña. Os primeiros viaxaron cara Xove e Viveiro e coñeceron o faro de Punta Roncadoira, o Souto da Retorta e o casco histórico de Viveiro, mentres que os segundos escolleron a ruta dos concellos de Alfoz e O Valadouro e visitaron a fervenza do Pozo da Onza, o Castelo de Castrodouro e a Finca Galea.

Neste ano 2023 participaron preto de 3.000 persoas dun total de 142 colectivos.

O programa provincial incluíu esta edición un total de 37 itinerarios a elixir por toda a xeografía lucense. A Mariña e a Ribeira Sacra foron un ano máis os destinos máis solicitados polas asociacións e entidades sen ánimo de lucro participantes. As viaxes contaron con guías profesionais, e todas partiron dalgunha das dependencias da institución provincial, como o Pazo de San Marcos, o Mazo de Santa Comba, a Granxa Gayoso Castro, ou a Produtora do Servizo de Audiovisuais.