Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O comercio da provincia repartirá bonos de compra e premios para os negocios

Por 14 Novembro, 2023Sin comentarios

A iniciativa Mellor Comercio da túa Vila está financiada practicamente na súa totalidade pola Deputación e ten como obxectivo promocionar o sector comercial de proximidade da provincia e incentivar as vendas na recta final do ano.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este martes no Pazo de San Marcos xunto co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, a campaña Mellor Comercio da túa vila, financiada practicamente na súa totalidade pola institución provincial cunha achega de 50.000€ para promocionar o sector comercial de proximidade da provincia e incentivar as vendas na recta final do ano. A iniciativa inclúe premios para os propios negocios participantes, por un total de 8.500€, e para os clientes, en bonos de compra que suman 15.000€.

José Tomé destacou na presentación, na que participou tamén o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, que esta nova colaboración responde ao “compromiso prioritario” da Deputación “de apoiar proxectos que dinamicen a economía e o emprego da man do tecido asociativo vinculado aos sectores produtivos máis importantes da nosa provincia, como é, neste caso, o comercio de proximidade”.

A campaña, explicou, ten un dobre obxectivo: “por un lado, poñer en valor a calidade e as melloras que van introducindo os comercios para promocionarse, modernizarse e alcanzar cotas máis altas de competitividade. Polo tanto, estamos fortalecendo o tecido comercial”, e por outro lado, “incentivar as vendas nesta recta final do ano, aproveitando que son datas de maior consumo”, nas que, de feito, se concentra o 40% da facturación anual do sector do comercio.

A campaña, que comeza este 14 de novembro e rematará o 14 de decembro coa celebración dunha Gala do Comercio no Pazo de San Marcos, inclúe distintas accións: premios para 17 negocios da provincia de 500€ cada un e un diploma acreditativo; sorteo de bonos por 12.000€ entre os clientes; e actividades de dinamización nas rúas da capital lucense e sorteo dun premio de 3.000€ en compras.

Trátase, dixo o Presidente, dun novo paso na longa colaboración da institución provincial coa Federación Galega de Comercio, “que está dando bos froitos para o noso comercio local e, polo tanto, para o conxunto da provincia de Lugo, tendo en conta o peso fundamental que ten a actividade comercial para a economía e o emprego”, pois o sector, subliñou, “crea 20.000 empregos e representa o 13% do PIB da provincia”.

Ademais, o comercio de proximidade ofrece “un valor social de primeira orde, pois “onde hai tendas, hai vida, e a propia actividade comercial favorece o sentido da veciñanza”. Desta forma, incidiu, “xunto cos servizos públicos, a puxanza do noso comercio local é fundamental para manter vivo o rural, para que as vilas conserven todos os elementos que fan delas un bo lugar para vivir”.

Pola súa parte, José María Seijas agradeceu ao Presidente a decidida aposta da institución sempre co comercio da provincia, neste caso poñendo en marcha unha nova iniciativa “ambiciosa e ilusionante”. Un proxecto froito da colaboración, sinalou o presidente da Federación, “para recoñecer aos nosos mellores comercios e tamén aos nosos clientes, os que nos coñecen, apostan por nós, valoran o bo facer dos nosos comerciantes e saben das grandes vantaxes que en todos os sentidos supón mercar no comercio local”. Finalmente, animou Seijas a todos os establecementos comerciais de Lugo e a súa provincia e aos seus clientes a aproveitar estas iniciativas “para coñecer, visitar, mercar e gañar co comercio local, o mellor comercio”.

12.000€ en premios e distinción aos mellores comercios

A campaña Mellor comercio da túa vila arranca hoxe mesmo, 14 de novembro. Ata o 7 de decembro, aquelas persoas que realicen compras en calquera comercio de proximidade da provincia de Lugo poderán rexistrar os seus tickets a través da web www.mellorcomerciodatuavila.com e entrar nun sorteo que terá lugar o 11 de decembro no Pazo de San Marcos, no que se repartirán 12.000€ en vales de compras, repartidos en 20 premios de 300€ e 40 premios de 150€. Durante ese rexistro, os clientes poderán votar a un comercio de entre os previamente inscritos no concurso, e desa votación popular vía online sairán os 17 negocios que se distinguirán como Mellor Comercio da túa vila. Os gañadores recibirán de premio 500€ en metálico cada un, e un diploma acreditativo, dos que se lles fará entrega nunha Gala de Comercio que se celebrará o vindeiro 14 de decembro, na Deputación.

Merca na Rúa

A campaña que impulsa a Deputación de Lugo coa Federación Galega do Comercio tamén contempla o desenvolvemento doutra acción na cidade de Lugo baixo o nome Merca na Rúa, coa que se desenvolverán actividades de dinamización entre os días 1 e 12 de decembro para fomentar as vendas do comercio local. Entre as persoas que fagan unha compra durante estes días, sortearanse 3.000€ para gastar nunha xornada de compras que se celebrará o 13 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas. O premiado deberá visitar polo menos oito tendas participantes na campaña e gastar un mínimo de 100 euros en cada unha delas.

“Mercando no comercio local, estamos apostando polo futuro da nosa provincia”, subliñou o Presidente da Deputación, quen convidou aos comercios e aos veciños da nosa provincia a sumarse a esta campaña para que, “un ano máis, sexa un éxito e teña un retorno económico importante, como sucedeu nos anteriores proxectos que sacamos adiante conxuntamente a Deputación e a Federación de Comercio”.