Skip to main content
Axenda CaducadaComarca RIBEIRASACRAXA

Reábrense as rutas en catamarán polo Miño ata decembro

Por 18 Novembro, 2023Novembro 19th, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo reabre as rutas en catamarán polo Miño despois de que a empresa Naturgy lle comunicou o fin dos labores de mantemento que estaba realizando no encoro dos Peares. Estes traballos reduciron o caudal do río, o que imposibilitaba a navegación dos barcos.

Os barcos volverán a navegar ata a fin de temporada por este itinerario, que parte de Belesar, no Saviñao, e que se veu interrompido no mes de outubro. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informa desta nova resaltando que se volven a ter habilitadas “as reservas para que todo aquel que o desexe poida desfrutar desta fermosísima ruta, que ten unhas particularidades moi curiosas e que segue sorprendendo a todo aquel que a fai”. Todos os interesados en mercar o seu billete poden facelo a través da web.

En novembro funcionarán as dúas rutas, tanto a do Sil como a do Miño durante as fins de semana, tanto os sábados coma os domingos. Haberá saídas ás 11.30 e ás 16.00 horas. No caso do mes de decembro, os barcos navegarán dende o 2 ao 10 de decembro todos os días, con  motivo da Ponte da Constitución, tamén con dúas saídas diarias en horario de mañá e de tarde.   Para información e reservas, as persoas interesadas poden chamar ao 982 260 196 en horario de 9.00 a 20.00 horas de luns a domingo.

Tempada de récord

García Porto subliña que esta decisión responde ao compromiso co sector turístico “sendo plenamente conscientes da importancia que teñen as nosas rutas para a Ribeira Sacra como motor económico”. Neste sento, asegurou que os que deciden facer algunha das rutas da Deputación “adoitan pasar o día na comarca, ou mesmo fan noite para poder vivir diferentes experiencias neste entorno, o que significa que comen nas proximidades e que visitan outros recursos turísticos próximos”, facendo referencia ao que os viaxeiros testemuñan nas enquisas de satisfacción que realiza a institución provincial unha vez realizada algunha das dúas viaxes.

Ademais aproveitou a ocasión para facer referencia ás boas cifras da actividade. “Estamos ante unha tempada de récord, ano tras ano superamos as cifras anteriores e iso fai que nos amosemos contentos ante a boa acollida que este recurso turístico ten tanto para quen nos visita dende outras partes da provincia, de Galicia, do resto do país ou para o turista internacional”, engade a Deputada.