Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXALugo

Isabel Rodríguez destaca a responsabilidade dos condutores contra os accidentes de tráfico

Por 20 Novembro, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo fixo a lectura do manifesto pola conmemoración do Día mundial en memoria das vítimas de tráfico e resaltou que a condución responsable e fóra de distraccións ao volante é fundamental na prevención de múltiples accidentes mortais. A subdelegada fixo esta apelación con motivo da conmemoración do Día Mundial en recordo das vítimas dos accidentes de tráfico. No acto estivo presente o xefe da xefatura provincial de tráfico, Ángel Álvarez, e outras autoridades.

Isabel Rodríguez recordou ás persoas falecidas no que vai de ano nas estradas e vías da provincia e apelou á responsabilidade dos condutores de adecuar a condución ás condicións da vías, xa que “a cuestión máis frecuente á que se teñen que enfrontar medios da Xefatura Provincial de Tráfico e outros servizos de emerxencia e asistencia é a saída de vía”, explicou. “Con motivo deste día, quero lembrarlles aos condutores e condutoras que respecten as normas e fagan unha condución responsable, realizando un correcto mantemento dos vehículos e centrando a súa atención na vía, evitando así todos os elementos que poidan entrar en xogo á hora de desencadear un accidente”.

Rodríguez tamén remarcou a necesidade de que a condución se desenvolva nas mellores condicións tanto físicas como psíquicas para evitar despistes ou distraccións, así como, en caso de producirse somnolencia ou calquera estado contraproducente, deter a travesía nun lugar seguro e parar a descansar.

Así mesmo, a subdelegada agradeceu o traballo que realiza a DXT para crear conciencia sobre a seguridade. Tamén mostrou o seu recoñecemento a todo o persoal dos servizos de emerxencias, Policía, Garda Civil, sanitarios, organizacións e demais corpos e servizos que participan no momento de socorrer ás vítimas.

Segundo datos da DXT, os accidentes provocaron que 18 persoas faleceran este ano nas estradas e vías urbanas e interurbanas da provincia, e provocaron que 76 persoas feridas requiriran hospitalización. Destes accidentes, 15 dos falecidos foron en vías interurbanas da provincia.

O acto desenvolveuse coa lectura do manifesto aprobado este ano para a conmemoración seguido por un minuto de silencio en memoria polas persoas que faleceron ou resultaron feridas en sinistros viarios.

Conmemoración das vítimas

O terceiro domingo de novembro celébrase o Día Mundial en Recordo das Vítimas de Accidentes de Tráfico, proclamado oficialmente pola ONU, co obxectivo de reducir o número de vítimas en accidentes de tráfico. A Dirección Xeral de Tráfico súmase a este recordo, organizando un acto que ten como obxectivo o de avivar a conciencia pública sobre o impacto persoal e social que causa a violencia viaria.