Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXALugo

Publicada a resolución das axudas a asociacións culturais da Vicepresidencia da Deputación

Por 21 Novembro, 2023Sin comentarios

O Boletín Oficial da Provincia publicou este luns a concesión provisional de axudas de concorrencia competitiva para colectivos e asociacións culturais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Aprobáronse 342 axudas para a organización de actividades culturais e para investimentos en equipamento e mellora de locais sociais, cun importe total de 380.000 euros.

Clases de música e baile tradicional, obradoiros de teatro, narración oral ou pintura, documentais, publicación en papel, certames, xornadas sobre historia ou patrimonio, celebracións populares e outras actividades de posta en valor das tradicións e do patrimonio inmaterial reciben financiamento a través desta convocatoria dirixida ao tecido asociativo e cultural de base.

No caso das axudas para investimentos, as achegas concedidas céntranse na compra de moblaxe e materiais de uso técnico ou artístico necesario para o uso social e cultural dos locais das asociacións.

O importe das achegas oscila entre os 500 e os 3.000 euros, en función dos criterios establecidos nas bases da convocatoria.

A deputada de Cultura Iria Castro lembrou que “a convocatoria contou este ano con case o dobre de orzamento que en anos anteriores, dobrando tamén o número de entidades que recibirán financiamento” e valorou “o traballo que desenvolven estas asociacións, na súa maioría colectivos pequenos que se sosteñen grazas á implicación desinteresada de persoas preocupadas pola cultura, pola lingua e o patrimonio e que cumpren un papel fundamental para garantir o acceso á cultura en todo o territorio”.

A responsable provincial destacou que “estes colectivos son en moitas aldeas e parroquias rurais auténticos referentes culturais, programando actividades pero tamén impulsando estudos, investigacións e iniciativas de posta en valor do patrimonio local”.

A resolución publicada este luns no BOP ten carácter provisional. As entidades solicitantes teñen un prazo de dez días hábiles para presentar alegacións.