Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXALugo

A Federación veciñal presenta ao novo Goberno unha serie de demandas

Por 24 Novembro, 2023Sin comentarios

Na reunión celebrada polo pleno da Comisión Permanente da Federación de Asociación de Veciños de Lugo Lucus Augusti acordouse remitir ao novo Goberno do Estado para os orzamentos do 2024, as peticións que fai o Movemento Veciñal de Lugo (Federación Veciñal Lucense). Trasladan estas demandas ao delegado do Goberno en Galicia, así como aos deputados e senadores da provincia de Lugo.

As demandas están encabezadas por terminar a Autovía Lugo-Santiago. Acometer os tramos que faltan (de Palas de Rei a Arzúa) e reducir os tempos de execución na medida posible, “tendo en conta que para Lugo é clave unha boa comunicación coa capital de Galicia”.

Tamén reclaman que se acometa a Autovía Lugo-Ourense. “Tendo así mesmo en conta que actualmente a Estrada Nacional Lugo-Ourense está en moi mal estado”.

Engaden que “despois do importante orzamento ferroviario acometido polo Goberno Central na liña Lugo-Monforte-Ourense, cremos que no momento actual deberiamos pensar en mellorar a liña Lugo-Coruña-Ferrol, así mesmo tamén solicitamos que se recuperen as liñas nocturnas con Madrid e Barcelona”.

O colectivo insiste en que Lugo dispoña de Autoridade Portuaria. Esta campaña promovida pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) demanda que os portos da Mariña Lucense, deixen de depender da Autoridade Portuaria de Ferrol. “Continuamos e continuaremos demandando que San Ciprián teña como xa tubo nalgún momento Autoridade Portuaria da Provincia de Lugo, lembramos unha vez máis que somos a única provincia con costa, que, tendo portos de interese xeral, non temos Autoridade Portuaria”, din.

“Temos unha certa satisfacción polas medidas tomadas desde o Goberno Central para a cobertura da Provincia de Lugo da internet e telefonía móbil, solicitamos completar toda esta campaña e axudas na cobertura de fibra óptica nas zonas onde non as hai”, engaden.

Solicitan tamén un plan de limpeza e recuperación de leitos fluviais, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Confederación Hidrográfica do Cantábrico, con dotacións de limpeza para a mellora dos leitos fluviais da Provincia de Lugo, para poñer os nosos ríos como un gran reclamo turístico e medio ambiental.

A última das demandas é unha fiscalidade especial para as zonas rurais de Galicia. “Para incentivar o asentamento de empresas no interior da provincia de Lugo, pedimos unha discriminación positiva e unha fiscalidade especial para zonas rurais deprimidas, que favoreza o asentamento de empresas con bonificacións nas cotas dos traballadores, autónomos, etc. facilitando a creación de postos de traballo e evitando a perda de poboación”, explican.