Skip to main content
Cultura RIBEIRASACRAXAFolgoso do Courel

Unhas xornadas de debate puxeron en valor as necesidades do Courel para poder potencialo

Por 9 Novembro, 2023Novembro 10th, 2023Sin comentarios

As Xornadas sobre Sustentabilidade Turística e Desenvolvemento do Territorio dentro do proxecto ‘O Courel Destino y Futuro Vital’ no Concello de Folgoso do Courel foron un éxito de participación, segundo os organizadores.

As xornadas, que contaron co apoio do Concello de Folgoso do Courel e no que participaron diferentes axentes sociais, medios de comunicación e veciños e veciñas do Courel, acolleron diferentes propostas de ideas e solucións para a evolución e cobertura das necesidades de O Courel.

Así, a apertura foi realizada por parte dun dos seus promotores Jose María López Bourio e o debate desenvolveuse en diferentes mesas redondas, sendo a primeira a representativa das administracións públicas, asistindo o tenente alcalde de Quiroga Vicente Parra, o tenente alcalde de Ribas de Sil Roberto Castro, a alcaldesa de Folgoso Lola Castro, o deputado da área de Medio Ambiente Carlos López e a xefa territorial de Turismo de Lugo, Paloma Vázquez.

Máis mesas de debate

Na segunda mesa participaron diferentes axencias de turismo, así como axentes promotores de experiencias no Courel, compartindo os seus coñecementos e experiencia na materia.

Así, resaltouse a necesidade de conexión dixital de todas as áreas da zona, mellora de infraestruturas tanto para os habitantes actuais como os turistas e ampliación da oferta hostaleira e gastronómica. Tamén se evidenciou o potencial do territorio e dos actores principais cheos de ilusión e entusiasmo con moitas ganas de mellorar e de dar a coñecer O Courel como lugar de referencia.

Con respecto aos profesionais da comunicación, presentouse a marca ‘O Courel’ “como paraugas de todas as actividades, produtores e actuacións da zona para estar presente en todas as redes sociais con continuidade, creando unha historia común que aglutine as diferenzas e potencie a zona como un referente”, explican desde a organización do proxecto. Neste senso, déuselle relevancia a necesidade desa marca global do territorio para impulsar os produtos tamén coa implicación dos produtores.

E, por outra parte, os medios de comunicación deixaron en evidencia a necesidade de dar maior visibilidade ás actividades e negocios do Courel.

Por último, na mesa final, diversos promotores de negocios e iniciativas, como os de Coureleando, compartiron experiencias e inquietudes, resaltando a necesidade de unión e profesionalización de todas as partes para avanzar positivamente na fixación de empresas do sector e de poboación e para incentivar que a xente tanto do territorio como de fóra do Concello escolla a zona para desenvolver os seus proxectos.