Skip to main content
Cultura RIBEIRASACRAXATaboada

Asociación O Carballo de Taboada: “O mellor é facer propostas abertas aos veciños para que se coñezan e se integren”

Por 12 Novembro, 2023Novembro 13th, 2023Sin comentarios

A cultura, a natureza, o deporte e o patrimonio son os eixos vertebradores das actividades que promoven dende a asociación cultural O Carballo, entidade que se mantén en Taboada co obxectivo de facer comunidade e espallar e compartir intereses.

O sendeirismo, a escalada ou a micoloxía forman parte das propostas do Carballo, que mudou por completo o obxectivo co que botou a andar fai xa 38 anos, unha época na que “en case todas as casas do Concello había algún membro da asociación”, explica Alexandre Varela, que forma parte da directiva dende o 2019. Porén, este cambio de aires non freou á entidade, que dende hai unha década impulsa en Taboada propostas vinculadas ao deporte e á cultura coas que conseguen achegarse á veciñanza.

-A asociación naceu no 1985, pero cun obxectivo totalmente diferente.

Realmente durante todos eses anos houbo refundacións, cambiou por completo de vocación e cambiou toda a xente que estaba involucrada. Nos anos 80 a intención era recuperar o folclore e ter escolas de baile e música, porque había escolas en Chantada ou en Monterroso, pero en Taboada non. Entón reuníronse 30 veciños e fíxose unha escola que chegou a ter nos 90 uns 400 asociados.

-Cando retomaron a vocación que manteñen na actualidade?

Despois dun tempo de letargo e de que nos 2000 estivera a piques de desfacerse, foi entre o 2012 e o 2014 cando se retomou a orientación que temos agora. Empezou sendo unha asociación deportiva, porque había un grupo de xente que facía atletismo e empezou a organizarse a Carreira Popular entre Pazos e Carballos.

-Como lles afectou a pandemia?

Pasamos uns anos parados porque non se podían facer actividades presenciais. Non tiñamos actualizado o libro de socios e a xente acabou por desvincularse un pouco. Entón estabamos activos os da directiva e a xente próxima a nós. De feito, algúns chegaron a pensar que se desfixera e tardamos un tempo en recuperarnos.

Carreira popular organizada pola asociación.

-As actividades manteñen esa vinculación co eido deportivo e cultural.

Nós nunca quixemos dedicarnos ao tema da música, porque dende o 2009 houbo outros grupos que o fixeron e abstivémonos dese tipo de propostas. Entre as actividades, seguimos organizando a carreira cunha liña parecida, porque imos innovando pero gústanos mantela tal e como foi concibida.

-Como xurdiu a idea de achegar a escalada deportiva a Taboada?

Comezamos a preparar un penedo en San Cristovo, que está lindando xa con Monterroso, porque un dos membros da directiva, Alberto Fidalgo, é profesional da escalada. Así que sobre todo pola súa iniciativa empezouse a preparar para a escalada deportiva. Nos anos da pandemia adecuamos a zona e, finalmente, inaugurámola o ano pasado cunha demostración e este ano, en colaboración co Concello, fixemos unha primeira xornada con monitores.

-O sendeirismo tamén forma parte das propostas.

Organizamos unha ruta de sendeirismo preto de Taboada, a ruta da Ponte de Muíño. É unha ruta moi singular que preparamos case de cero, limpando os camiños. Este verán pasado non a puidemos organizar, pero témola de referencia e de feito estámoslle insistindo ao Concello para que vaia limpar a zona.

-Cales son as actividades máis demandadas?

Evidentemente non temos unha participación masiva porque non facemos festas e o que organizamos ten un público máis ou menos limitado. Pero depende moito. Por exemplo, na xornada de micoloxía que programamos fai un par de semanas, apuntouse moita xente ao foro, aínda que ata agora as de máis afluencia foron as xornadas de escalada porque veu mesmo xente de fóra.

-Con cantos socios contan?

Chegamos aos 50. Os membros son sobre todo xente de mediana idade e maiores. Empezamos desde cero este verán porque fixemos unha asamblea para renovar a directiva, aínda que seguimos os que estabamos. De feito, aínda estamos mirando que cotas establecemos.

-Como de necesarios son este tipo de colectivos nun Concello como Taboada?

Eu creo que é algo fundamental, de feito ás veces paréceme que facemos labores que lles corresponderían ás institucións. Ten que existir a implicación tanto dos Concellos como das asociacións, que ao final temos unha capacidade moito máis limitada.

Actividade de iniciación á marcha organizada pola asociación.

-Ao final son quen de achegarse aos veciños.

O máis bonito é facer propostas abertas á xente. Porque un pode ir só ou cos amigos a facer, por exemplo, sendeirismo, pero tamén o podes facer aberto para os veciños e axudas a que se coñezan mellor ou a que os que veñen de fóra se integren. Facémolo porque son cousas que nos gustan, porque temos intereses comúns sobre a cultura, a natureza, o deporte e o patrimonio, pero tamén vas descubrindo no camiño máis xente que ten eses mesmos intereses.