Skip to main content
Cultura RIBEIRASACRAXAFolgoso do Courel

Asociación Fonte do Milagre do Courel: “Impulsamos a Festa da Pisa da Castaña para recuperar vellos oficios”

Por 26 Novembro, 2023Novembro 27th, 2023Sin comentarios

O vindeiro 8 de decembro, a aldea de Froxán revive un dos seus costumes máis antigos nunha cita que mestura tradición, cultura e gastronomía e que pretende manter viva a esencia e o valor etnográfico dunha práctica centenaria

Traballar polo Courel, pola súa contorna, a súa cultura e as súas tradicións son o motor da asociación Fonte do Milagre. O colectivo, presidido por Evaristo Méndez e que conta con máis de 200 asociados, logrou recuperar xa hai máis de dúas décadas a Festa da Pisa da Castaña, cita coa que pretenden reivindicar os vellos costumes e facernos retroceder aos tempos nos que a castaña seca era a que sustentaba a alimentación da veciñanza do Concello.

-A asociación botou a andar no 1999. Con que obxectivo?

Fixemos a asociación porque vimos a necesidade de reactivar un pouco o tema cultural no Courel. A falta de xente nova facía que se fora perdendo e o noso obxectivo era recuperar nun principio os  vellos oficios que ían desaparecendo, moitos porque non se usaban hoxe en día eses medios e outros porque non quedaba xente que os fixera.

-Como cre que evolucionou o colectivo nestas máis de dúas décadas de vida?

Evolucionou moitísimo. Cada vez somos máis socios e hai máis interese en facer cousas e en apoiar o asociacionismo. Ano tras ano imos medrando e imos facendo novas iniciativas, aínda que algunhas se perden por falta de apoio económico e outras porque vimos que non tiña sentido seguir.

-No mesmo ano da súa constitución, lograron recuperar unha das tradicións máis antigas do Courel. Como xurdiu esta idea?

Como o noso obxectivo era tratar de recuperar vellos oficios no Courel que se ían esquecendo, decidimos impulsala como primeira actividade.

-Nesta edición da Festa da Pisa da Castaña manteñen un programa variado que inclúe dende ensinar o proceso tradicional ata propostas literarias.

O programa vén a ser semellante ás anteriores edicións. Empezáronse a presentar libros dende hai anos. Moita xente xa nos chama porque ten bastante éxito a presentación na festa e ou son de aquí ou teñen libros relacionados co Courel.

-A demostración do pisado e do abandoxado da castaña seca volven a protagonizar a cita. En que consisten estes procesos?

Proceso de abandoxado.

No proceso de pisado da castaña, primeiro hai que secala. Métese nunha construción, que se chama sequeiro, con calor morna e durante uns 20-25 días a castaña seca. Para romper a casca métese nun saco e entre dúas persoas bátese contra un cepo de madeira e ao golpear a castaña vai rompendo e queda limpa. E logo para separar o que é o froito da puxa, que é a casca, lévase a cabo o proceso do abandoxado. Métese a castaña no bandoxo, un aparello en forma de media lúa, onde unha persoa vai aproveitando que a castaña polo peso se vaia cara atrás e a casca, que é máis lixeira, vai caendo no chan.

-Estas mostras mantéñense como un xeito de achegar os labores tradicionais ás novas xeracións.

Esta forma de limpar as castañas fíxose ata os anos 50 do século pasado. A partir deste momento chegaron as máquinas e outros medios máis eficientes e deixouse de facer. Pero nós tiñamos interese en recuperalo para que a xente fora vendo como se facía e está esperando moito intereses porque é moi pouco usual. Tamén se fai pola zona da Ribeira Sacra, en Parada de Sil, que teñen outra forma de pisar a castaña pero comparten a mesma base.

-A súa intención por manter viva esta tradición inspirou á chef estrela Michelin Lucía Freitas, que creou un prato inspirándose na festa e nas propiedades da castaña. Que significa para vós o apoio dunha profesional coma ela?

Colaborou con nós por primeira vez o ano pasado e este ano volve a asistir. Ela fai unha cociña distinta á nosa, unha cociña máis ou menos modernista, e nós ofrecemos na festa un menú tradicional, que é o que se comeu no Courel durante centos de anos, a base de castaña, carne de porco, chourizos… De aí sacou a idea de facer un prato de degustación da castaña seca durante o mes de decembro que, segundo me contaba, tivo moito éxito no seu restaurante. De feito, dixo que tivera que estendelo a xaneiro e febreiro. Ao final, para nós é unha honra e dálle un valor á castaña e á cita.

-Como valoran a participación da xente na celebración?

Todo o mundo colabora. Ademais, nunha aldea pequena na que durante a semana viven unhas 14 persoas, ver que un día hai 2000, como ten chegado a haber, é algo que nos sorprende moitísimo. Empezamos a festa cando estabamos alí 80 veciños e hoxe xa temos que buscarnos a vida para encontrar aparcadoiro e para organizalo todo. Temos un número limitado de comidas, porque non podemos dar máis de 400 xa que non temos capacidade para elaborar máis menús, por iso pedimos reserva para que os que queiran degustalo poidan.

-Ademais da recuperación das festas populares, en que outro tipo de actividades están a traballar?

Estes últimos anos, ata o 2014, facíase a Festa da Serra, pero deixámola de facer porque tamén tiñamos un pequeno problema co sitio. Ao final decidimos facer unha demostración do serrado pola tarde, pero vimos que non nos dá tempo. Este ano non o imos facer, pero xa estamos en negociacións para recuperar un día do que é a Festa da Serra, en maio, que é cando se facía antes. Se todo vai ben contamos con facer outra demostración e dedicar un día a iso.

-Como de necesarias cre que son este tipo de asociacións para un Concello como Folgoso?

Isto naceu nunha aldea, grazas a un pequeno grupo de 15 persoas, e logo foise estendendo polo Courel e a xente foi collendo interese. Deulle vida ao Concello e dálle ánimos a outras asociacións a facer actividades. Hoxe en día, como todos sabemos, o rural está a desaparecer e se os que quedamos aquí non poñemos o noso grao de area para mantelo a situación non vai mellorar. E está claro que nun lugar como o Courel, que estivo illado durante séculos, se non hai unha actividade cultural non hai nada, porque a cultura forma parte de todos os ámbitos e nós queremos darlle valor a todo o que se relaciona coa contorna.