Skip to main content
Chantada

Chantada Quere Sanidade convoca unha nova concentración diante do centro de saúde este sábado

Por 30 Novembro, 2023Sin comentarios

Algúns veciños de Chantada reuníronse no Casino da vila durante a xornada de onte, convocados pola plataforma Chantada Quere Sanidade para comentar a situación “alarmante” que vive a comarca e planificar accións futuras para demandar a restitución do servizo sanitario tanto no Centro de Saúde da vila coma en toda a comarca.

“Se a situación se estaba deteriorando dende fai anos, na última semana volve ser crítica”, explican desde a organización, quen di que “os problemas son moitos, pero podemos destacar que as xubilacións, vacacións e baixas non se cobren, que os sanitarios están desbordados, os pacientes esperan citas de atención primaria durante semanas, citas que se cancelan, ou pacientes que acoden ao centro de saúde cunha cita e infórmanos que o seu médico ou enfermeiro de referencia non está e non serán atendidos”.

Por iso, a plataforma Chantada Quere Sanidade e os veciños e as veciñas da vila entenden que esta situación non pode continuar, xa que unha atención sanitaria deficiente tarde ou cedo afectará á saúde xeral da poboación.

Desenvolvemento da xornada

Durante a reunión, ademais de informar aos asistentes das últimas problemáticas acontecidas, tamén se trasladaron as conversas que a coordinadora está mantendo con outros grupos a nivel nacional en defensa da sanidade, así como a recollida de milleiros de sinaturas.

Comentan que “lamentamos a negativa do alcalde de Chantada a asinar, a diferenza dos de Taboada e Carballedo, que si asinaron”.

Por outra parte, a coordinadora presentou diferentes medidas a levar a cabo nas próximas semanas para tentar reverter a situación de desleixo actual. A acción mais próxima vai ser unha concentración diante do Centro de Saúde, que terá lugar por segunda vez nun mes o próximo día 2 de decembro ás 13 horas.

“Convocamos, pois, a toda a cidadanía a asistir en defensa da sanidade pública porque Chantada e Carballedo meréceno e porque a Xunta debe entender que ser menos no rural non resta dereitos”, conclúen