Skip to main content
Folgoso do Courel

Interior Galego Vivo critica os orzamentos da Xunta, que din volver olvidar a Lugo e Ourense

Por 5 Novembro, 2023Novembro 6th, 2023Sin comentarios

Interior Galego Vivo critica que os orzamentos da Xunta para a anualidade 2024 “volven esquecer o interior galego e as comarcas de Lugo e Ourense”. Así, din que a perda inducida de poboación e dinamismo económico das parroquias “vese alimentada por políticas pouco axeitadas para o territorio e por un crónico déficit de investimento e aposta polo medio rural”.

Apuntan a que o eixo para “Impulsar a cohesión territorial e a ordenación urbanística do territorio galego respectando a paisaxe da Galicia e potenciando os valores naturais da mesma. Vertebración dixital e mellora da conectividade do territorio. Fomentar a accesibilidade do solo industrial” contén unha adxudicación de 69,5 millóns de euros, o cal é un 1,7% do total do presuposto, o que consideran pouco.

Esta contía valerá para desenvolver estudos, cartografía ou fomento de solo empresarial, así como actuacións sobre a calidade das augas, “ámbitos tan diversos e dispares que son insuficientes os fondos, tendo en conta as necesidades e que, no seu conxunto, non van mellorar en absoluto a cohesión territorial”, explican.

Por outra parte, critican que no eixo de Educación non se inclúe un Plan de Ensino adaptado ao interior rural e só se menciona vagamente o rural nun punto, “a pesar de que a Xunta está á cola do Estado en investimento educativo a pesar da propaganda recorrente nos principais medios de comunicación”.

A sanidade, abandonada

Na Sanidade, din os de Interior Galego Vivo, “o naufraxio da atención primaria continúa, como a insistencia en degradar hospitais como os de Monforte, O Barco ou Verín”. Así, din que os investimentos reais en equipamentos hospitalares con fundos proprios “representan 150.000 euros para Lugo e outro tanto en Ourense”.

A atención primaria vai recibir para equipamento 181.500 euros (fundos estatais) en Lugo e 178.599 euros en Ourense, ao tempo que hai unha carencia xeralizada de facultativos e unha xestión “lamentable” do persoal.

A maiores, o Hospital de Monforte vai recibir un millón de euros, mentres continúa sen especialistas e cunha temporalidade e precariedade que espantan o persoal sanitario e o tensionan até o límite. O de Valdeorras 436.646 euros e o de Verín 980.673 euros. A casa comézase polo tellado.

O sector do turismo

En Turismo, a Xunta recoñece unha caída do turismo rural nas provincias de Lugo e Ourense, “que contrasta co constante triunfalismo da publicidade institucional e a ausencia de autocrítica, á par que sinala un aumento xeral do turismo en estabelecementos extrahoteleiros”, sosteñen desde IGV.

Por outra palabras, a Xunta coa falta de regulación e políticas reais de planificación do sector está arruinando aquelas persoas que rehabilitan e se dedican profesionalmente ao turismo, “mentres tolera a competencia desleal e as prácticas predatorias en relación coa vivenda, onde seguimos sen un plano para a rehabilitanción rural de vivendas con usos sociais e para incentivo de proxectos no rural”, denuncian desde o grupo político.

Ademais, din que a proposta que se recolle de “proxectos tractores” do Turismo en áreas con despoboamento non se especifica, “polo que será máis un ano auga de castañas”, critican. E engaden que no tocante á vivenda, “hai escasos fundos para a reparación de vivendas para Ourense e Lugo debendo lembrar que propostas como as da área de rehabilitación integral (ARI) Ribeira Sacra teñen financiado apenas a especulación e os grandes investimentos e non a restauración ou rehabilitación das vivendas dos moradores “indíxenas”.

Máis temas

No tocante á mocidade, critican que todos os fundos están na provincia da Coruña a pesar de avogar pola participación en proxectos europeus de “dinamización da xuventude” (sic) rural (RUYOU, DYAS, RuralYouthFuture e YouLeaders), polo que “non hai un só euro para as provincias de Lugo e Ourense”.

Nas áreas de emprego e igualdade, recóllese o Desenvolvemento do Estatuto da Muller Rural, pero “se trata dunha enunciación de boa vontade que leva décadas de atraso e o mesmo se podería dicir do impulso a xeración de emprego a través de fórmulas de economía social e micro, que nunca rematan por traducirse en proxectos duradeiros e identificábeis polas sociedades locais porque non se dotan e coordinan axeitadamente”.

En política social, din que o SAF e as residencias seguirán “agardando e o crecente envellecemento non suscita reaccións no goberno da Xunta, xa que para a prometida residencia pública de Lugo só se dotan 70.000 euros e 140.000 euros para a de Ourense, e as remodelacións de residencias e equipamentos figuran sen territorializar por concellos ou centros”. Pola súa parte, desde IGV recordan que pediron un centro de coidados intermedios para Lugo e Ourense e este radicarase na provincia da Coruña.

Con respecto ao sector da castaña, “só se destinan uns ridículos 19.000 euros para a restauración de soutos, unha verdadeira tomadura de pelo, ao tempo que a ordenación do territorio fica totalmente esquecida, asistimos a que se dilapidan fundos e proxectos “estrela” como os “polígonos agroforestais” e as “aldeas modelo”, sosteñen.

En canto aos investimentos de Augas de Galicia, os concellos centrais das comarcas de Chantada e Lemos, Chantada e Monforte, “fican sen nada, aínda tendo grandes necesidades e tendo en conta que en concellos como Chantada levan recadado no canon sobre un millón de euros”.

Por todo isto, din que “será que en Lugo e Ourense xa se renunciou a deter a demotanasia ou será que o proxecto para o interior galego do PP é o baleirado demográfico e a entrega da Terra e dos recursos a fundos de investimentos e grandes empresas, a maioría de capital estranxeiro e sen deixar nada no territorio máis ca espolio e abandono”.