Skip to main content
Axenda CaducadaFolgoso do Courel

O Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel acolle unhas xornadas sobre o impacto dos lumes forestais

Por 5 Novembro, 2023Sin comentarios

A Estación Científica do Courel acollerá os días 10 e 11 de novembro unhas xornadas monográficas sobre o impacto dos incendios forestais no Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel. O programa divulgativo, organizado pola USC xunto co xeoparque courelá, a Deputación Provincial de Lugo e o grupo de desenvolvemento local Ribeira Sacra-Courel, permitirá abordar a problemática dos lumes forestais nesta comarca da montaña luguesa desde distintas perspectivas.

Ademais, as xornadas posibilitarán a posta en común de diversas iniciativas desenvolvidas para afrontar a problemática dos incendios. A iniciativa, coordinada polos profesores da USC Otilia Reyes e Xosé Luís Otero, está concibida como un espazo de análise, discusión e debate aberto á participación de todo o público interesado. A inscrición é libre e de balde e pode formalizarse a través do enderezo de correo electrónico oscar.cruz@usc.es.

O coordinador da Rede de Estacións Biolóxicas da USC, Xosé Luís Otero; o presidente do xeoparque da Unesco Montañas do Courel, Roberto Castro González, e representantes dos equipos de extinción de incendios da Xunta de Galicia, así como das entidades e propietarios afectados polas lapas, abrirán o programa o venres 10 de novembro, ás 11.00 horas, na sede da Estación Científica do Courel, en Seoane.

Relatorios

Adrián Regos, do Centro de Ciencia e Tecnoloxía Forestal de Cataluña (CTFC), abrirá de seguido a palestra de intervencións co relatorio ‘O proxecto fire-smart: solucións sustentables ao problema dos incendios forestais no noroeste ibérico’.  A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC Montserrat Díaz Daviña pechará a sesión matinal cunha charla sobre os efectos das lapas sobre as propiedades do solo.

O catedrático do Departamento de Química Agrícola e Edafoloxía no Campus Terra da USC abrirá o programa de tarde cunha presentación da iniciativa ‘Plantando cara ó lume’. Ao remate da súa exposición, José Manuel Fernández Guisuraga fará unha exposición sobre o emprego de produtos de teledetección, con especial énfase no programa Copernicus e Google Earth Engine, para xestionar ecosistemas propensos ao lume.

‘O lume e as especies exóticas invasoras’ é o título da charla que ofrecerá neste foro o investigador do Departamento de Ecoloxía da USC Óscar Cruz, ao que sucederá no uso da palabra o xerente do GDR Ribeira Sacra-Courel, Martín Alemparte Vidal, cunha retrospectiva dos lumes ocorridos nesta demarcación montañosa. A proxección do vídeo ‘DOE, O Courel’, de Xacobe Meléndez, servirá de colofón da primeira sesión dunhas xornadas monográficas que continuarán o sábado 11 de novembro con visitas técnicas a diversos ecosistemas das Montañas do Courel, así como con visitas a miradoiros da contorna guiadas polo catedrático de Xeomorfoloxía Augusto Pérez Alberti.