Skip to main content
Folgoso do Courel

A Xunta e o goberno local de Folgoso do Courel reuníronse para falar sobre como mellorar o municipio

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, para avaliar iniciativas para impulsar o Xeoparque Montañas do Courel e desenvolver proxectos de humanización na localidade.

Durante o encontro, estudaron o proxecto municipal para a construción dun novo acceso aos edificios municipais de usos múltiples que se localizan no lugar de Fondo de Vila.

Segundo explicou a alcaldesa, “sería necesario mellorar tanto a accesibilidade como a seguridade viaria nesa contorna na que están o albergue municipal, un centro sociocultural e unha praza que foi rehabilitada integramente”.

Pola súa banda, a vicepresidenta segunda informou á alcaldesa da posibilidade de que este proxecto encaixe nos obxectivos do chamado plan Hurbe, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego no ano 2010, que ten como finalidade axudar ás administracións locais a financiar este tipo de actuacións que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Así, de ratificarse a colaboración, a Xunta financiaría o 70% da actuación e o concello asumiría o 30% restante.

A maiores, na reunión, na que estivo presente o coordinador do Xeoparque Mundial Unesco Montañas do Courel, Martín Alemparte, tamén puxeron en valor a continuidade da colaboración para o desenvolvemento de actividades de educación e sensibilización ambiental na Aula da Natureza do Courel.

Ademais, abordaron as accións a levar a cabo no futuro para divulgar tanto a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como o Xeoparque.