Skip to main content
Folgoso do Courel

O alumnado de primaria do colexio de Folgoso do Courel desenvolveu unha actividade de diversidade cultural

Por 28 Novembro, 2023Sin comentarios

Dende o Centro Público Integrado Poeta Uxio Novoneyra de Folgoso do Courel veñen de facer unha serie de actividades co alumnado de primaria para coñecer a cultura marroquí.

Así, durante este luns, tres mulleres de orixe marroquí (Fatna, Sadia e Amena) que viven na zona do Courel acudiron ao colexio para elaborar doces típicos do seu país xunto cos nenos e nenas.

Este proxecto, desenvolvido por un profesor do centro, Rubén Chao, explica que “cando falo con xente doutros lugares a verdade é que se sorprenden da comunidade inmigrante que temos no centro, porque temos dúas alumnas que viñeron de Marrocos, ademais de moito outro alumnado con diferentes orixes”, explica.

Por esta razón, pareceulle que podía ter interese informativo unha actividade deste tipo, “coa que intentamos estreitar lazos entre as diferentes culturas que compoñen a nosa comunidade educativa a través dun doce encontro.

Esta actividade está organizada pola cooperativa Outonía, que vén de gañar dous premios neste mesmo mes de novembro; especialmente por Paula, quen preparou as actividades; e realízase en colaboración cun proxecto becado pola “Asociación de médicos gallegos” que está levando a cabo Tania Salgado, médica en Folgoso do Courel.

Importancia da actividade

Segundo o profesor, este obradoiro serviu como colofón a unha serie de actividades que se realizaron no centro durante co fin de coñecer a cultura deste país veciño, “rompendo cos estereotipos que predominan na sociedade, e de estreitar lazos entre as diversas culturas que conforman a nosa comunidade educativa, na que contamos con alumnado de orixes moi diversas, incluíndo dúas rapazas que viñeron de Marrocos nos últimos anos”.

Así, a actividade estivo aberta á asistencia das familias do alumnado e, ademais de elaborar con gran ilusión os doces, nun momento de descanso escoitaron un pouco de música de Marrocos, de carácter moi animado, e aprenderon algúns pases de baile típicos deste país, polo que a diversión estivo asegurada durante toda a tarde.

Tras rematar o proceso de elaboración comprobaron que non eran moi distintos doutros doces típicos de Galicia e, como non podía ser doutra forma, tivemos ocasión degustar o seu sabor, que foi louvado por todos, maiores e pequenos.

Ademais, o proxecto foi posible grazas aos fondos recibidos a través das axudas dirixidas ás asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, coa finalidade de potenciar a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, que proporciona a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

O proxecto

Este proxecto de Outonía ten por nome “Igualab II” e consta de varias liñas de acción, incluíndo unha serie de encontros vinculados á comunidade entre os que se atopa este obradoiro de doces tradicionais no que colaboraron as mulleres marroquís.

Outras liñas de acción do proxecto “Igualab II” inclúen obradoiros de coeducación, bo trato e educación afectivo- sexual; un laboratorio de Expresión Corporal con perspectiva de xénero e unha escola de familias para a abordaxe do acompañamento respectuoso e a educación afectivo-sexual.

A aplicación no centro do proxecto “Igualab II” tivo como obxectivo coñecer Marrocos dende diversas perspectivas: xeográfica, cultural, social, histórica, gastronómica… Incluíndo a aprendizaxe de xogos infantís típicos dalgunhas zonas do país, para os que os nenos tiveron que aprender algunhas palabras en lingua árabe.

Tanto Paula como Rubén sorprendéronse de que dende idades moi temperás, os nenos e nenas xa teñen interiorizados numerosos estereotipos acerca da cultura dos países de maioría musulmá, en xeral, e da marroquí en particular. En cambio, coas actividades realizadas e moi especialmente co obradoiro de doces tradicionais, os nenos e nenas foron mostrando cada vez máis ilusión e curiosidade por coñecer todo tipo de aspectos relacionados con Marrocos, realizando numerosas preguntas tanto ó profesorado como ás tres mulleres.

Por iso, dende o CPI Poeta Uxío Novoneyra consideran que proxectos como este son de gran necesidade nos centros educativos, “xa que puidemos comprobar como coas actividades o alumnado foi mudando os estereotipos iniciais, nalgúns casos de carácter claramente negativo, para rematar levando unha visión moito máis completa e positiva da cultura marroquí, é dicir,… e nunca mellor dito: deixando nos nenos e nenas un moi bo sabor de boca”, conclúe Rubén Chao.