Skip to main content
Monforte

O porco de pé será representada este xoves no edificio multiusos de Monforte

Por 7 Novembro, 2023Novembro 26th, 2023Sin comentarios

O Edificio Multiusos acollerá este xoves a obra para adultos O porco de pé, da compañía Producións Teatrais Excéntricas, no marco do ciclo de teatro deseñado polo equipo de Goberno para o segundo semestre do ano 2023.

A obra, que terá lugar ás 20.15, foi escrita por Quico Cadaval, Pepe Sendón baixo a dirección de Quico Cadaval e interpretada por Patricia Vázquez, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira.

O porco de pé

Vai para cen anos, Vicente Risco detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses. Descubriu que estaban entre nós. A divertidísima sátira do ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e ocabarete, ten hoxe mais vixencia que nunca.

Nesta viaxe á fascinante década do 20 do século XX, pasarán, como nunha lanterna máxica, anarquistas, capitalistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vangardistas, caciquistas, cupletistas, mentalistas, futuristas, e budistas.

Producións Teatrais Excéntricas inventa, para reinventar este retrato de nós, un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón. Unha sucesión de grotescos personaxes, caricaturescos como marionetas, representan dende os principios da farsa popular, a aguda visión do miope Risco. Unha historia de corrupción política e de amor, pasada polos espellos deformantes do parque de atracción.

A seguinte obra programada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, e nesta ocasión dirixida para todos os públicos, será Inseguridade Social de Teatreiras Monforte que terá lugar o sábado 18 de novembro na Casa da Cultura ás 20.00 horas, sendo a entrada gratuíta.