Skip to main content
Monforte

Vaise mellorar a marxe dereita da rúa monfortina Abeledos, e que se levará a cabo por execución subsidiaria

Por 8 Novembro, 2023Sin comentarios

O Concello decidiu acometer esta actuación de mellora dunha “obra inacabada despois de case 20 anos como é a urbanización da rúa Abeledos na marxe dereita, entre a rúa Irmáns Dapena e a Ronda María Emilia Casas Baamonde, incluída no Estudo de Detalle da urbanización Las Acacias”.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou en rolda de prensa a mellora nunha das vías urbanas da cidade, a rúa Abeledos, no Barrio do Hospital.

O alcalde explicou que dende o Concello acométese con este proxecto “outra das obras inacabadas despois de case 20 anos é, a urbanización da rúa Abeledos na marxe dereita, entre a rúa Irmáns Dapena e a Ronda María Emilia Casas Baamonde, incluída no Estudo de Detalle da urbanización “Las Acacias”, que foi promovida por “CYCS01 CONSTRUCCIONES Y REHABILITACIÓN S.L.”, e que aínda está pendente de realizar as obras”.

Neste senso, José Tomé, subliñou que esta acción enmárcase dentro da súa folla de ruta como alcalde, que dende 2015 acomete “a mellora do urbanismo da nosa cidade, e por iso nestes últimos 8 anos transformamos todos os barrios de Monforte e mesmo obrigamos a rematar obras de urbanización que estaban ligadas a algún edificio en construción e que estaban sen facer despois de moitos anos”. Ademais da citada rúa Abeledos, José Tomé, puxo outro exemplo de obra inacabada o que ocorría na rúa Ferrol, a cal finalmente acometeu o construtor cando o Concello ía facer a execución subsidiaria das obras pendentes na vía pública da citada rúa Ferrol.

Polo tanto, a mellora da marxe dereita da rúa Abeledos levarase a cabo por execución subsidiaria, é dicir, que o Concello levará a cabo esta actuación e a empresa que tiña que ter levado a cabo no seu día estas obras de mellora e urbanización será a que teña que asumir os custes da mesma.

Mellora da marxe dereita da rúa Abeledos

O alcalde explicou que encargou un informe actualizado ao Servizo de Urbanismo do Concello, o cal recolle a necesidade de realizar as obras pendentes e tamén a retirada da grúa na marxe dereita da rúa Abeledos.

“Feitos todos os trámites legais pertinentes e co informe do técnico de urbanismo municipal na man, o Concello encargou un proxecto para urbanizar a marxe dereita da rúa Abeledos entre irmáns Dapena e a Ronda María Emilia Casas Baamonde, que foi aprobado pola Xunta de Goberno en data 23 de outubro de 2023.

O proxecto afecta a unha lonxitude de 98 metros lineais por 5,53 metros de ancho, o que supón unha superficie de 542 m2.

O custe do proxecto de licitación é de 75.606,89 euros que serán repercutidos ó titular da urbanización, o que tamén hai que sumar o custe da desmontaxe da grúa, que quedará depositada na propia parcela onde está ubicada, e ten un custe de 5.445 euros, sumando en total o proxecto 81.051,89 euros.

O alcalde tamén aclarou que “para entrar á parcela para desmontar a grúa, é necesario solicitar autorización xudicial, que xa llo temos encargado ós servizos xurídicos da Deputación Provincial de Lugo”.

As obras a realizar consisten na apertura da caixa para a dotación de servizos de saneamento, abastecemento, alumeado e comunicacións, o peche da parcela lindeira con bloques de formigón de cara vista, a construción da beirarrúa peonil con bordo e baldosas de formigón, sobre soleira e zahorra, e dotación de firme no carril lindante coa beirarrúa coa colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente, tipo D-12 de 5 cm de espesor. Por último, procederase ao pintado de marcas viarias, de símbolos e cebreados.

O anuncio de licitación será publicado hoxe mércores 8 de novembro, unha vez remate esta rolda de prensa, polo que o prazo para que as empresas presenten as súas propostas rematará o luns 4 de decembro.

A mesa para a apertura do sobre 1 e 2 celebrarémola o luns 18 de decembro ás 10:30 horas, e a mesa para a apertura da oferta económica será o martes 26 de decembro ás 19.00 horas.

José Tomé rematou salientando que “con esta actuación, quedará rematada toda a urbanización que corresponde ó proxecto de “Las Acacias”, e polo tanto quedará mellorado todo o barrio do Hospital. Está claro que este Equipo de Goberno defende o interese público, por riba de calquera interese particular”.