Skip to main content
Monforte

O Inventario Municipal de Bens e Dereitos de Monforte actualizarase despois de 17 anos

Por 10 Novembro, 2023Sin comentarios

O Concello de Monforte acometerá a actualización do Inventario Municipal de Bens e Dereitos, “co que por primeira vez en moitos anos teremos un inventario no que se recollan todos os bens municipais actualizados e cos datos correctos”, explicou o alcalde, José Tomé Roca.

O rexedor xustificou esta actuación, xa que “o último inventario de bens  foi elaborado no ano 2006 e dito inventario está incompleto ao contar soamente con  determinados bens inmobles, faltando todo o relativo a vías públicas e zonas verdes. Non foi actualizado en ningún momento, polo que se atopa completamente  desfasado e, nalgúns casos, con datos irreais, motivo polo cal dende o Concello decidimos abordar a súa actualización, a cal nos permitirá obter un inventario practicamente novo”.

Contratación dunha empresa para acometer os traballos

Así, desde o goberno local din que, “dada a complexidade do traballo, que require de medios técnicos e humanos específicos”, o Concello levará a cabo a contratación dunha empresa especializada para a realización do mesmo.

Por este motivo, dende o Concello ábrese a licitación do concurso para a elaboración do  inventario de todos os bens do Concello de Monforte, sendo o importe do contrato de  66.115,70 euros, máis 13.884,30 euros de IVE, o que fai un total de 80.000 euros.

O prazo de presentación ofertas estará aberto ata o venres 24 de novembro de 2023 e, unha  vez rematado, as mesas de contratación celebraranse o luns 27 de novembro  ás 11.00 horas e o luns 11 de decembro é mesma hora. Pola súa parte, o prazo máximo de execución será de 14 meses dende a data de formalización do contrato.

Labores da empresa adxudicataria

O adxudicatario deste servizo deberá levar a cabo a descrición e valoración de todos os bens e  dereitos de titularidade municipal que sexan incluídos no Inventario Municipal de bens e no Inventario separado, así como todas aquelas tarefas que, aínda non figurando expresamente relacionadas, resulten necesarias para dar cumprimento ás previsións do Regulamento de bens  das Entidades Locais.

Tamén deberá levar a cabo os traballos precisos para a regularización catastral e inscrición no Rexistro da Propiedade dos bens inmobles e dereitos reais inventariables que non estivesen  debidamente rexistrados.

A execución dos traballos basearase, por unha banda, na documentación existente no Concello e, por outro, na investigación e traballos de campo que deberá realizar o adxudicatario e que resulten necesarios para a correcta cualificación e inclusión no Inventario de cada un dos bens e dereitos, todo iso conforme a lexislación aplicable.

A elaboración do Inventario deberá realizarse mediante a análise do Inventario de Bens e Dereitos existente na actualidade no Concello, das certificacións e relación de datos catastrais (Padrón de IBI rústica e urbana),  correspondentes ao último ano da súa aprobación, das Escrituras Públicas, contratos de xestión de servizos, concesións administrativas,  acordos de cesión, convenios e outros títulos ou documentos; da Información Rexistral (Certificacións, notas simples informativas), dos planos parcelarios de leiras (urbanas e rústicas) e de todo tipo de instrumentos de xestión urbanística existentes e o rueiro municipal.

Máis tarefas

Nos traballos para executar, inclúese a análise e comprobación da situación actual dos bens e dereitos con referencia á información obtida nos servizos municipais ou, na súa falta, na documentación obtida mediante outros medios ou métodos de procura, continuando coa  incorporación das omisións totais ou parciais que se descubran no correspondente proceso de  reconstrución patrimonial, e dos erros que se detecten no transcurso dos traballos.

Así mesmo, deberá facerse unha investigación patrimonial dos bens e dereitos municipais a  través do Catastro, Rexistro da Propiedade e demais rexistros, arquivos e fontes de  información, que terminará coa redacción, configuración e entrega dun proxecto de Inventario  completo e actualizado.

En calquera caso, o adxudicatario deberá levar a cabo as comprobacións e os traballos de campo que sexan necesarios, o que comprenderá o desprazamento ao lugar no que se atopen os bens, a obtención de fotografías dos mesmos e comprobación do seu estado, a investigación  e identificación de todos aqueles que sexan bens de presunta titularidade municipal, non  inventariados nin rexistrados, para proceder, en consecuencia, á súa depuración física e  xurídica, con obxecto da súa incorporación ao Inventario do Concello.