Skip to main content
Monforte

Inaugúrase en Monforte a XXVII Reunión da Sociedade Galega da Dor e Coidados Paliativos

Por 11 Novembro, 2023Sin comentarios

Un centenar de especialistas cítanse no Parador de Turismo para abordar a investigación e os avances sobre a dor oncolóxica, crónica, neuropática ou lumbar crónica, entre outros temas.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de este venres a XXVII Reunión da Sociedade Galega da Dor e Coidados Paliativos (SGADOR). A xuntanza, que se celebra no Parador de Turismo de Monforte ata este sábado 11 de novembro, xira arredor da investigación sobre a dor e os coidados paliativos.

A reunión de médicos e investigadores aborda, a través de diferentes conferencias, mesas redondas e grupos de traballo sobre diferentes aspectos sobre o emprego de terapias e avances na dor oncolóxica, crónica, neuropática ou lumbar crónica, entre outros temas.

Na inauguración das xornadas, que tivo lugar ás 17.00 horas, o rexedor estivo acompañado polo presidente do Comité Organizador, o doutor Felipe Rocha García e a xerente do Hospital Comarcal de Monforte, a Dra. Inmaculata Ramos García.

O alcalde deu a benvida ó centenar de poñentes e asistentes de todos os puntos de Galicia, León e de Asturias. Nesta liña quixo manifestar o seu apoio a este tipo de encontro, xa que dende o Concello manteñen “un compromiso e unha aposta firmes pola Sanidade Pública, porque cremos que, os servizos públicos básicos, como é a Sanidade, son a garantía dos dereitos das persoas”.

Incentivar o turismo

Tomé, que se referiu a si mesmo coma “un firme defensor da sanidade pública”, aproveitou a súa intervención para animar ós asistentes a gozar de Monforte e da Ribeira Sacra, a descubrir a súa riqueza cultural, patrimonial, paisaxística e gastronómica, a través dun repaso dos principais atractivos cos que conta a cidade. Entre eles, atópase  Conxunto Monumental de San Vicente coa Torre da Homenaxe, o Colexio de Nosa Señora da Antiga, coñecido como o “Escorial Galego” ou a importante rede de museos, na que destacan a Pinacoteca dos Escolapios, o Museo de arte Sacro das Clarisas, o Museo do Ferrocarril, o Pazo de Tor, ou o Museo do Viño.

Neste senso, José Tomé, salientou que o Goberno local supón “unha satisfacción poder volver a acoller na nosa cidade reunións e congresos desta índole, pois non so traen coñecementos, tan necesarios para a saúde dos nosos cidadáns, senón que tamén xeran actividade entorno á hostalería e ó comercio, e permítennos dar a coñecer o encanto da nosa terra”.

Concluíu a súa intervención José Tomé, desexando as xornadas sirvan para fomentar “os traballos de investigación e de coñecemento que permitan avanzar no tratamento e atenuación da dor nos seus diferentes eidos”. O rexedor monfortino tamén recoñeceu o labor destes médicos e investigadores e do “enorme mérito do traballo que levan a cabo, moitas veces invisible, pero sempre necesario e insubstituíble”.