Skip to main content
Monforte

Monforte acolle unha marcha contra o cancro este domingo

Por 25 Novembro, 2023Decembro 4th, 2023Sin comentarios

A Asociación Española Contra o Cancro de Lugo organiza para este domingo, 26 de novembro, unha andaina e carreira en Monforte baixo o nome de ‘Monforte en marcha contra o cancro”.

Esta iniciativa, que comezará ás 12.00 horas desde a praza Compañía, percorrerá un circuíto urbano de 5 quilómetros e os participantes poderán facela correndo ou camiñando.

Desde a asociación agradecen ás institucións e empresas colaboradoras, como son o Concello de Monforte de Lemos, a Xunta de Galicia, Queserías Prado, Autos Lemos, Solán de Cabras, Caixa Rural Galega, Supermercados Familia, Santiveri, Cocinas de Dalama, Radio Monforte, Casa Regina e Ateneo Casino.

Colaboración activa do Concello de Monforte

O Concello colabora activamente na II Andaina e Carreira contra o Cancro, así o destacou a concelleira de Muller e Igualdade “porque iniciativas de carácter solidario e social tan importantes coma esta, merecen todo o noso apoio”.

Neste senso, Margarita López explicou que a través da Concellería de Deportes, o Equipo de Goberno colaborou activamente coa Asociación contra o Cancro no deseño do percorrido desta carreira, no que participaron tanto o Técnico de Deportes como a Policía Local.

Ademais, para o desenvolvemento desta carreira, dende o Concello tamén se proporcionará o servizo de ambulancia, e levarase a cabo a colocación das vallas necesarias para delimitar o circuito deseñado para a mesma.

A Policía Local colaborará no corte e vixiancia do tráfico daquelas rúas polas que transcorra a carreira, velando tamén pola seguridade dos e das participantes. Neste senso, a carreira implica o corte de vías de comunicación da cidade polas que transcorrerá a carreira: Francisco Moure, Paseo de Lugo, rúa Carude, San Lázaro Reboredo e Dalmiro de la Válgoma, cortes que serán levados a cabo pola policia municipal.

“É dicir” subliñou a concelleira, “dende o Executivo de José Tomé colaboramos nesta iniciativa poñendo á disposición dos organizadores toda a maquinaria técnica e organizativa necesarias para que a carreira e andaina resulten todo un éxito, algo do que estamos seguras que así será”.

A concelleira, tamén, animou aos veciños e veciñas a participar neste evento, cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 24 de novembro e pode facerse de xeito online ou no local da asociación.

Apoio da Xunta de Galicia

Pola súa parte, a Xunta de Galicia tamén apoia esta iniciativa, polo que o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou no transcurso da presentación que o Goberno galego colabora cos gastos de organización da carreira e da andaina.

Arias apuntou que o Goberno galego leva anos colaborando activamente coa AECC e resaltou que a Xunta ten en marcha a Estratexia de Xestión do Cancro en Galicia, co obxectivo de reducir a incidencia desta patoloxía e mellorar a atención aos pacientes.

Dentro das medidas impulsadas, fixo fincapé nos programas de cribado de cancros como o de mama ou colorrectal; e nos investimentos da Consellería de Sanidade para dotar de alta tecnoloxía os hospitais públicos.

Nese sentido, destacou algunhas das actuacións máis recentes no hospital comarcal de Monforte de Lemos, como a incorporación dun novo TAC este mesmo ano ou a recente reforma do hospital de día oncohematolóxico.