Skip to main content
Monforte

Máis dun millón de luces led iluminarán a cidade de Monforte a partir do 1 de decembro

Por 26 Novembro, 2023Novembro 27th, 2023Sin comentarios

O vindeiro 1 de decembro o Concello de Monforte acenderá as luces que alumearán as diferentes rúas da cidade, tal como explicou a alcalde de Monforte, José Tomé Roca, quen deu a coñecer o dispositivo de alumeado de Nadal e que “este ano superamos o millón de luces LED e isto supón a maior cifra da historia en canto a elementos luminosos”.

Para a iluminación nadaleña da cidade, o Concello destina unha inversión de 52.000 euros “2.000€ máis que en 2022, o que significa un 4% de incremento, “que é o investimento máis alto da historia deste Concello, e que supera o investimento do pasado ano”, subliña o alcalde.

“O noso obxectivo con esta importante inversión no alumeado da cidade”, destacou o rexedor monfortino, “é dinamizar o Nadal en Monforte e animar ós monfortinos e ás persoas que nos visitan, a que saían á rúa, que disfruten da cidade e que se animen a mercar no noso comercio e a consumir na nosa hostalería”.

Así, o venres día 1 de decembro ás 18.30 horas terá lugar o acendido, que permanecerá ata o domingo día 7 de xaneiro, permanecendo en servizo 38 días, o mesmo número que en 2022.

O día do acendido das luces

O encendido oficial terá lugar na rúa Cardeal e será realizado polo Alcalde, acompañado por membros do Equipo de Goberno, e farase xunto á árbore que estará ubicado no inicio peonil da citada rúa. O horario de encendido será de 18:30 a 02.00 horas da madrugada.

Unha das principais novidades será a continuidade da iluminación da Torre da Homenaxe, na que a través de proxectores exteriores, levaranse a cabo 4 proxeccións distintas, unha en cada cara da Torre, con máis intensidade de imaxe, e simulando a caída de copos de neve.

Haberá un cono central na rúa do Cardeal, a modo de árbore de Nadal, de 18 metros de alto, 1 metro máis que en 2022, por 6 metros de diámetro, e na Praza de España instalarase unha Bola de Nadal de 5 metros.

A árbore da rúa Cardeal e a bola da praza de España contarán con paso interior “para que a xente poida facerse fotos dende dentro e para inxectar ilusión e alegría nas persoas que viven ou que visitan Monforte, sobre todo nos nenos e nenas”, subliña o rexedor.

En total, máis dun millón de luces LED iluminarán a cidade a través de arcos e motivos decorativos e o cableado necesario para a instalación do alumeado de Nadal é de 12.000 metros de cable trenzado.

“Se se suman as luces das proxeccións da Torre da Homenaxe, as dos 7 arcos de saúdos de Bo Nadal que haberá ás entradas da cidade, e as da Casa Consistorial, supéranse o millón de luces LED, incrementando en máis de 50.000 as de 2022, o que supón un 5,2% máis”, destacaron.

Así, dixo que “isto supón que proporcionalmente un ano máis superamos a Vigo en número de luces por habitante: Vigo ten uns 300.000 habitantes e instalou 11,5 millóns de luces, polo que tocan a 38 luces LED por habitante; Monforte ten arredor 18.500 habitantes, polo que tocamos a 54 luces LED por monfortino”.

“O desexo do Concello” concluíu o alcalde, “é que este amplo dispositivo de Nadal, sirva para animar á xente a saír á rúa, a mercar no comercio local, que anime e que alegre a vida dos nosos veciños e veciñas”.