Skip to main content
Quiroga

Celia Díaz presentará o seu libro ‘As faces do diamante’ no marco do San Martiño de Quiroga

Por 11 Novembro, 2023Sin comentarios

Coincidindo coa celebración do patrón da vila de Quiroga, o San Martiño, a escritora e filla adoptiva de Quiroga, Celia Díaz, presentará na Casa da Cultura o seu novo libro ‘As faces do diamante’ ás 18.00 horas.

O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, presentará o acto no que o concelleiro e segundo tenente de alcalde, Xosé Manuel Fernández, guiará en forma de conversa a presentación da nova obra de Celia Díaz.

Na presentación, varias persoas encargaranse de ler algúns fragmentos deste libro que contén dez relatos nos que se abordan diferentes temáticas protagonizadas por personaxes moi diversos: unha anciá que camiña con zapatillas rotas, unha rapaza rescatada dun colector do lixo, un ancián que se esforzou por cumprir un xuramento que non debeu pronunciar, un rapaz que toca o tambor e fai bolboretas de papel, unha moza boliviana que non quere ser moeda de cambio de ninguén, unha rapaza que ceba o mate nunha noite de choiva e fastío ou unha nena xudía no gueto de Varsovia.

A pesar de que as historias destes personaxes transcorren en diferentes lugares e en distintas épocas acaban entrecrúzandose e interrelacionándose creando unha historia que abrangue máis de oitenta anos, conseguindo que estes relatos, en palabras de Xulio Valcárcel, formen unha novela.