Skip to main content
Quiroga

Rosa Arza, máxima responsable de Novas Xeracións en Lugo, asume a presidencia do PP de Quiroga

Por 26 Novembro, 2023Sin comentarios

O Partido Popular de Quiroga comeza unha nova etapa coa celebración do seu congreso local no que os afiliados e afiliadas apoiaron como presidenta da formación a Rosa Arza, máxima responsable de Novas Xeracións da provincia de Lugo e que que xa foi concelleira no Concello.

“Non o fai soa, xa que conta cun gran equipo que a arroupa nun reto importante”, segundo subliñou a presidenta do PP provincial, Elena Candia, durante a súa intervención no congreso ao que asistiron tamén distintos membros da dirección provincial, senadores, deputados, alcaldes e portavoces.

Rosa Arza apuntou como obxectivo do PP de Quiroga para esta nova etapa, na que contará cun 62% máis de afiliados e afiliadas, volver “encabezar a corporación local e conseguir que Quiroga se converta no lugar no que calquera persoa querería vivir”. Por iso, sinalou a súa vontade de traballar “baixo o paraugas dun proxecto común, no que todos están convidados a participar, baseándose en piares como a unidade, o traballo en equipo, a motivación, o talante, a eficacia e, por suposto, a xestión”.

Un total de 120 avais

A presidenta electa, que considera “un privilexio poder traballar por Quiroga e polos quirogueses”, agradeceu o apoio dos membros do Partido Popular de Quiroga, aos que participan, aos afiliados, aos simpatizantes e a todos os votantes. Neste sento remarcou que o seu compromiso “con todos e cada un de vós é total”.

A Xunta Directiva do PP de Quiroga estará constituída por todos os afiliados e afiliadas, segundo explicou a presidenta local, porque vai contar “con todas e cada unha das persoas que aman Quiroga e que están dispostas a contribuír para afrontar os retos, resolver os problemas e sacar todo o potencial que ten o noso Concello”.

Rosa Arza foi senadora na pasada lexislatura e tamén presidiu a agrupación local de Novas Xeracións, como lembrou durante a súa intervención. “Fai 13 anos subíame a este mesmo atril como presidenta Novas Xeracións de Quiroga. Desde entón pasaron moitas cousas, pero hai algo que permaneceu intacto co paso do tempo: o meu compromiso con Quiroga e co Partido Popular local”. Na fase previa á celebración do congreso local presentou 120 avais, superando en 90 o mínimo necesario para ser proclamada candidata. Os seguintes pasos serán a conformación dos distintos comités.