Skip to main content
Sober

A Xunta entregou tres vivendas de promoción pública en Sober

Por 19 Novembro, 2023Sin comentarios

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, entregou en Sober 3 vivendas de promoción pública no marco dun proxecto piloto de construcións modulares.

Logo de lembrar que ao abeiro desta iniciativa tamén se construíron 6 vivendas no municipio ourensano de Cenlle, a vicepresidenta segunda explicou que os inmobles, cuxa construción supuxo un investimento de preto de 440.00 euros, teñen unha clasificación enerxética A, polo elevado grao de illamento da envolvente, e uns sistemas enerxéticos eficientes, como a calefacción por aerotermia.

Cada inmoble conta con 109 metros cadrados de superficie útil distribuídos en dúas plantas. Na planta baixa localízanse a zona de acceso, salón-cociña-comedor, patio central, aseo e escaleiras de comunicación co andar superior, que consta de 3 dormitorios, lavadoiro-tendal e 2 cuartos de baño.

A maiores, as tres vivendas contan cun patio interior e un pequeno xardín traseiro, así como un rocho e garaxe. Ángeles Vázquez incidiu en que o Goberno galego seguirá prestando especial atención ao acceso á vivenda en 2024.

De feito, o vindeiro ano se triplica o investimento en construción de vivenda pública, pasando de 10,5 millóns de euros a un total de 32 millóns de euros. E, nesa liña, as axudas a promotores públicos e privados para a construción de vivenda en solo público destinada a alugueiro contará cunha dotación de 7,4 millóns de euros.