Skip to main content
Taboada

A Subida a Taboada terá lugar esta fin de semana coa colaboración da Deputación de Lugo

Por 2 Novembro, 2023Novembro 3rd, 2023Sin comentarios

A Praza de Riazón acolleu o acto de presentación da proba de montaña, a Subida a Taboada, que volve o calendario automobilístico galego despois de dezasete anos sen disputarse grazas á iniciativa da área de Deportes e Medio Rural do Concello de Taboada e da Escudería Taboada.

A área de Deportes achega 10.000 euros á organización e a proba contará con medio cento de pilotos que realizarán un trazado similar ao da última edición, celebrada en 2006, cun percorrido pola estrada LU-611, entre Rubián e Taboada.

As dúas primeiras mangas disputaranse na tarde do sábado, con saídas ás 15.30 e 17.30 horas, e o domingo á mañá as dúas últimas, ás 11.00 e 13.00 horas. O parque pechado e as verificacións técnicas realizaranse na contorna da Praza de Riazón e na Avenida de Lugo.

Na súa participación no acto, o concelleiro de Deportes e Medio Rural de Taboada Manuel Diéguez explicou que “recuperamos a proba co mesmo espíritu e ilusión que a caracterizou no seu momento, e co obxectivo de que perdure nos vindeiros anos e volva ser un referente do deporte na comarca e reprcuta de forma positiva na economía local” e convidou a asistir “a pasar unha fin de semana de montaña, disfrutando do deporte, da ribeira e da gastronomía de Taboada”.

A Subida a Taboada será a ultima proba do Campionato Galego de Montaña, a segunda na provincia, despois da Subida á Pontenova, que tamén conta coa colaboración da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Con motivo desta cita, produciranse cortes de tráfico na Avenida de Lugo das 23.00 do venres 3 ás 16.00 do domingo e na Estrada de Rubián (da Alameda ao cruce das Seixas) de 12.00 a 20.00 horas o sábado e de 8.00 a 15.00 o domingo. Co mesmo motivo a feira do sábado trasladarase á rúa Trapero Pardo, xunto ao tanatorio.