Skip to main content
Taboada

A área de Igualdade de Taboada organiza actos polo 25N por primeira vez no Concello

Por 25 Novembro, 2023Novembro 26th, 2023Sin comentarios

O Concello de Taboada organiza, a través da súa Área de Igualdade, Sanidade e Benestar e por primeira vez, actos institucionais para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, este 25 de novembro.

Ao longo do mes de novembro xa se celebraron algúns actos relacionados, como a exposición “Cartas de amor”, sobre a violencia de xénero na mocidade, visitable na Casa de Cultura ata o pasado 21 de novembro, ou o concerto de corais “Cantar delas”, o pasado 11 de novembro.

Así, o día 25 no que se conmemora o devandito Día Internacional, terán lugar os actos centrais promovidos pola Área de Igualdade, á fronte da cal está Patricia Conde Cobas.

Programa de actividades

Os actos comezarán ás 12.30 horas, cando será inaugurada a “Árbore Negra” na Alameda, con frases contra a violencia contra a muller, elaborados os días previos no CPI San Tomé do Carballo.

A continuación, ás 12.45 horas lerase un manifesto por parte da Asociación de Mulleres Rurais “Landra”, seguida da actuación musical de Yaiza Varela.

E ás 13.15 horas terá lugar unha charla-coloquio impartida por representantes do Centro de Información á Muller de Chantada.

O colofón será o día seguinte, coa proxección dunha serie de curtametraxes contra a violencia de xénero, ás 18.00 horas no Cuartel Vello.

Con estas actividades, o Concello de Taboada quere reafirmar o seu compromiso coa eliminación da violencia contra as mulleres, como condición necesaria para termos unha sociedade con igualdade real entre homes e mulleres, e nese sentido orientamos o noso labor cotián desde o Concello, especialmente desde a Área de Igualdade, sendo conscientes de que é necesaria a implicación da sociedade no seu conxunto.

Con todo isto, animan á veciñanza de Taboada e doutros municipios a participar en todos estes actos, que agardamos que teñan continuidade con outras efemérides e en anos posteriores.

Este ciclo de actividades conta co financiamento da Área de Cultura da Deputación, dependente da súa Vicepresidencia, e coa colaboración da Asociación de Mulleres Rurais “Landra”, de Taboada.