Skip to main content
Taboada

Taboada contará cun novo camión de residuos, ao que a Deputación destina 200.000 euros

Por 25 Novembro, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acaba de asinar co alcalde de Taboada, Roi Rigueira, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial destina ao Concello 200.000 euros para a adquisición dun camión recolector compactador de residuos sólidos urbanos co que se prestará un mellor servizo á veciñanza das 27 parroquias do municipio.

“A Deputación fai un esforzo moi importante para cooperar cos concellos da provincia con medidas coma esta, e que poidan prestar así máis e mellores servizos ós seus veciños”, sinalou Tomé. Ademais, o presidente da Deputación fixo referencia a esta colaboración como mostra do apoio constante. “De feito, a día de hoxe, esta institución é fundamental para que moitas entidades locais poidan prestar os servizos máis básicos á súa veciñanza”, engadiu.

Pola súa parte, o alcalde agradeceu ao presidente a axuda económica porque co novo camión servirá para renovar e reforzar a maquinaria do servizo de recollida municipal, que conta cun equipamento antigo e obsoleto que presenta continuas avarías moi custosas. “Ademais, cando tiñamos o camión no taller tiñamos que alugar outro, o que encarecía máis o custo para o Concello deste servizo básico que temos que prestar á nosa veciñanza”, explicou Rigueira.

Nese senso, avanzou que cumprirán cun dos seus compromisos electorais, “pois un dos piares que van marcar o noso goberno será a renovación do parque móbil municipal, e aquí está o primeiro paso”.

O rexedor detallou ademais que o Concello está destinando neste momento moitos fondos para “reparar maquinaria e vehículos con moitos anos, o que lastra que o Concello poida apostar por outro tipo de iniciativas”. Deste xeito, continúan apostando por unha renovación e adquisición de novos bens como o camión. Para despois, “poder darlle aos veciños e veciñas de Taboada máis e mellores servizos”. Queremos deixar de malgastar diñeiro en reparacións, como facía a anterior Corporación”.