Skip to main content
Cultura SARRIAXAParadela

José Manuel López, xerente de Muebles Sindín: “O agradecemento dos nosos clientes é un motivo para seguir”

Por 5 Novembro, 2023Novembro 24th, 2023Sin comentarios

Falamos con José Manuel López Díaz, xerente de Muebles Sindín de Paradela.

Como nace esta empresa?

Esta empresa creouna o meu pai, Eliseo López Sindín, e a miña nai, Luisa Díaz Vázquez; arredor dos anos 80, polo que ten unha proxección de máis de 40 anos no tema dos mobles, aínda que no ano 1973 xa tiñan a carpintaría.

El era carpinteiro e empezou coa carpintaría, pero logo pasou ao negocio dos mobles en xeral. Tras moitos anos e tras a boa proxección da súa vida laboral, decidín coller o negocio porque levaba toda a vida cos meus pais e gustábame o sector do moble.

A que se dedica esta empresa?

Está dedicada á venda de mobles en xeral, pero cunha clara especialidade en armarios encaixados, sobre todo para vivendas de aluguer, como os pisos que se alugan.

O noso proxecto consiste en ofrecer a opción máis barata á hora de que os nosos clientes amoblen a súa vivenda, pero sempre asegurando a máxima calidade.

Todo isto facémolo grazas a pertencer á Asociación Galega do Moble, que nos asesora e nos aconsella profesionais do deseño que nos axudan nestas tarefas.

Así, nós como empresa encargámonos de todo: do presuposto, do deseño, dos planos, da arquitectura do piso amoblado… Temos acceso a decoradores e facemos toda a decoración da vivenda.

Están enfocados ao piso en aluguer, pero non só iso.

Si, temos unha gran cantidade de clientes que queren amoblar o seu piso de aluguer, pero tamén amoblamos chalés de particulares, hoteis, pensións, albergues para peregrinos… O máis recente foi un traballo que fixemos para o Hotel A Paxara, en Escairón.

Que é o mellor da profesión despois de 40 anos?

O mellor é a satisfacción de seguir vendendo e seguir existindo a pesar de todo. Somos una empresa efectiva e con moita venda e moita carga de traballo.

Temos dous empregados que traballan con nós e logo subcontratamos o servizo de decoración, que dispón de decoradores e deseñadores para que poidamos encargarnos nós de todo o traballo en vivenda.

Como é o trato cos clientes?

Temos unha efectividade de venda do 95 %, é dicir, o que entra, compra. O que máis valoran os nosos clientes é que levamos a cabo unha comunicación transparente e continua total, desde o primeiro momento.

Atendemos aos nosos clientes o tempo que é necesario, incluso fóra do noso horario, informamos de todo o proceso e dos traballos, imos ata a vivenda e medimos nós todo o lugar onde se quere amoblar, facemos os planos a escala… Ese bo trato aos nosos clientes fan que acaben sempre moi contentos.

Ademais, queremos recoñecer que os nosos empregados son moi bos, fan unha montaxe perfecta, xa que ademais de montar ben os mobles, logo aspiramos todo e queda moi limpo, o que o cliente agradece.

Para nós, a fidelidade dos clientes e o agradecemento que nos transmiten é un dos motivos para seguir traballando tanto e con tanta ilusión, xa que agradecemos moito a confianza depositada e que nos veñan comprar. Ao final, a relación é máis familiar.

Que tipo de maquinaria utilizan?

Para facer os armarios encaixados, levamos a cabo a medición do lugar e logo faise un proxecto ao cliente. Para a construción, temos maquinaria de todo tipo, actualizada e automática, para que se tarde o menos posible en ofrecer o servizo ao cliente, que adoita ser dun mes ou mes e medio de media.

Ademais, facemos a entrega ao domicilio no menor tempo posible desde que se fai o encargo, intentando reducir o tempo de espera do cliente ao menos posible.

Como valora o seu traballo?

Como comentaba, temos unha efectividade total de vendas, polo que o boca a boca dos clientes que quedaron satisfeitos, fai que un cliente che dea outro cliente.

Eu valoro ben o traballo, xa que o facemos con esforzo e dunha maneira totalmente personalizada.

En que ámbito de actuación traballan?

O noso marco de actuación principal é Paradela e toda a comarca de Sarria, onde temos sempre a maior parte do traballo, pero tamén actuamos en Lugo e no resto da provincia, así como na Coruña e no resto de Galicia.

Fóra de Galicia, temos moito negocio no Bierzo e agora estamos tendo bastantes clientes en Bilbao, polo que non nos pechamos a nada.