Skip to main content
Cultura SARRIAXALáncara

Carlota Vivero, da cooperativa Atoupa: “O noso obxectivo é rachar con algúns dos estereotipos e prexuízos”

Por 26 Novembro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Jessica Fernández Cerdeira.

Falamos con Carlota Vivero, promotora da cooperativa Atoupa que cumpre a finais de novembro un ano desde a súa creación e que colabora co proxecto Rede de Cidades e Comunidades Amigables Coas Persoas Maiores no que participan co Concello de Láncara.

Como nace a cooperativa Atoupa, cando e con que motivación?

A idea de crear a cooperativa xorde ao rematar os nosos estudos, hai dous anos, e darnos conta de que na provincia de Lugo non contabamos con moitas oportunidades para desenvolver a nosa carreira profesional como sociólogas.

Ao mesmo tempo, observamos unha realidade social atravesada por retos como o envellecemento poboacional, o baleirado do rural, etc.; retos aos que nós, cos nosos coñecementos, podíamos axudar a comprender colaborando con outras entidades. De aí xorde Atoupa, do desexo de traballar na nosa provincia e devolver, dalgunha forma, o aprendido como sociólogas as nosas comunidades.

Cal é o obxectivo desta agrupación?

O noso obxectivo é xerar coñecemento sociolóxico que contribúa ao deseño e implantación de políticas transformadoras implicando ao conxunto da sociedade.

Por quen está conformada e que cargos desenvolve?

Agora mesmo somos dúas socias traballadoras. Ámbalas dúas estudamos o grao de Socioloxía na UDC e realizamos un mestrado en políticas sociais e intervención sociocomunitaria.

Ana, a miña compañeira, está especializada en migracións internacionais e eu en envellecemento e transformacións familiares. Dentro da cooperativa, distribuímos os cargos tendo en conta a experiencia laboral e as preferencias de cada unha. A partir disto, decidimos que a xestión de persoal e a comunicación quedaran a cargo de Ana, mentres que a xestión administrativa e comercial, estarían baixo a miña responsabilidade. En canto á planificación estratéxica e os servizos, coordinámolo todo xuntas aplicando unha división do traballo segundo as nosas especialidades.

Por que o nome Atoupa?

O nome de Atoupa é un xogo de palabras que xorde entre atopar e toupa. Coa expresión “atoupa” queremos reflectir a nosa actividade de investigación e consultoría social, ao facer referencia a un animal, a toupa, que se caracteriza por escarvar na superficie para penetrar nas profundidades do terreo (da realidade social, diremos nós), mentres indicamos tamén o noso obxectivo de atopar formas de afrontar retos sociais de diversa índole.

En que ámbitos se enfoca o traballo de Atoupa?

Enfocámonos en seis áreas de traballo de gran importancia para a realidade galega: o envellecemento poboacional e os dereitos sociais das persoas maiores, os fluxos migratorios e a promoción da interculturalidade, a procura da igualdade real e efectiva entre xéneros, o traballo de coidados e a súa posta en valor, a precariedade laboral e a dinamización do territorio.

Con que entidades traballan e por que?

Traballamos con entidades que precisen levar a cabo unha investigación social que dea resposta aos seus interrogantes sobre unha realidade concreta e facilite a toma de decisións.

Estas entidades poden ser públicas, como os concellos e as deputacións; ou privadas, como outras cooperativas, asociacións, empresas, etc. Tamén traballamos coas universidades, brindándolles apoio naquelas tarefas que os grupos de investigación precisen: avaliación de proxectos, realización de entrevistas, etc.

En que tipo de proxectos están involucrados? 

Ata o momento estivemos traballando na avaliación do impacto de diferentes proxectos educativos e prestando servizos de apoio á investigación na universidade.

Colaboramos en diversas ocasións co grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus Terra da USC na avaliación do impacto social de diferentes proxectos educativos que levan a cabo e que buscan fundamentalmente promover as vocacións científicas na mocidade.

Que proxectos de futuro teñen en mente para impulsar ou aos que adherirse?

Agora mesmo estamos traballando en ideas para levar a cabo charlas-talleres coas que divulgar coñecemento sociolóxico sobre o envellecemento e as migracións.

O obxectivo é contribuír a rachar con algúns dos estereotipos e prexuízos que hai arredor destes fenómenos e que se traducen na discriminación ás persoas maiores e migrantes.

En que consiste o proxecto Rede de Cidades e Comunidades Amigables Coas Persoas Maiores no que participan co Concello de Láncara?

É unha iniciativa promovida pola OMS que busca conectar todos aqueles municipios do mundo que estean comprometidos co envellecemento activo e saudable. Os concellos que se adhiren a ela adquiren o compromiso de traballar para adecuar a contorna física e social ás necesidades das persoas maiores que viven nese territorio.

Para facelo, os concellos comezan elaborando un estudo diagnóstico co que identificar as necesidades que as persoas maiores teñen en relación a diferentes ámbitos: as infraestruturas públicas, os servizos sociais e de saúde, a oferta de actividades, etc.

Despois, é necesario deseñar un plan de acción que de resposta a estas necesidades e que teña tamén en conta as propostas de mellora das propias persoas maiores e as doutros membros da comunidade.

Cal é o voso labor dentro desta rede?

Desempeñamos dúas funcións. Por unha banda, prestamos asesoramento ao Concello con respecto ao proceso formal de solicitude da adhesión do municipio á Rede. E por outra, levamos a cabo o estudo diagnóstico das necesidades das persoas maiores. Un estudo que co-deseñamos co Concello e do que agora estamos levando a cabo o traballo de campo, é dicir, a recolección de información a través de grupos focais e entrevistas que posteriormente analizaremos e cuxos resultados presentaremos nun informe.

Por que son importantes estas iniciativas para a sociedade?

Os estudos demográficos indican que os municipios rurais galegos teñen unha estrutura poboacional envellecida, cun peso das persoas maiores de 65 anos sobre a poboación total que varía entre o 20 % ata máis do 40 %.

En Láncara, o 36 % das persoas empadroadas son maiores de 65 anos. Pero o envellecemento demográfico non é un problema social, senón un reto e tamén unha oportunidade. Ese é o enfoque que inspira esta iniciativa. Trátase de adaptar as comunidades onde vivimos ás necesidades e desexos das persoas a medida que envellecen. Realizar melloras nas diferentes áreas que vertebran o proxecto, tendo en conta as opinións da veciñanza, non só contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas, tamén favorece a súa participación e pon en valor as súas contribucións sociais.

Gustaríame invitar ás persoas maiores do Concello de Láncara a participar nos grupos que estamos organizando por parroquias ou simplemente a chamar ao número que facilitamos (672 50 17 13) para falarnos das súas necesidades e preocupacións, das cousas que pensan que poden ser melloradas

Teñen boa relación co Concello de Láncara?

Si, están moi involucrados e pendentes das necesidades que van xurdindo ao longo do proceso.

Teñen apoios institucionais ou de entidades sociais?

O certo é que dende que comezamos este proxecto de emprendemento recibimos moitos apoios de diferentes administracións, en termos de asesoramento, financiación, etc. Agora mesmo algúns dos apoios máis importantes que temos é o Polo de emprendemento Lugo Sur e Espazo Coop. Tamén aprendemos moito doutras cooperativas con máis traxectoria e que comparten connosco as súas experiencias.