Skip to main content
Axenda CaducadaLáncara

O concurso ‘Láncara re-luce contigo’ premiará as vivendas e locais mellor iluminados este Nadal

Por 25 Novembro, 2023Novembro 26th, 2023Sin comentarios

A concellería de cultura do Concello de Láncara dá inicio ao primeiro concurso de iluminación de vivendas e locais comerciais e de servizos para celebrar o Nadal.

Baixo o nome de ‘Láncara re-luce contigo’, o Goberno local aposta por “unha oportunidade única para avivar as tradicións festivas, fomentar a participación cidadá e reactivar o consumo local nestas datas tan sinaladas”, explican.

Así, haberá dúas categorías de participación: as vivendas particulares e os locais comerciais e de servizos. Con respecto ás primeiras, os veciños e veciñas de Láncara poderán decorar os seus balcóns, ventás, portas, fachadas ou xardíns exteriores da súa casa. Mentres, os propietarios de locais poderán facer unha montaxe no escaparate, ventás, porta ou fachada do local.

As persoas interesadas en participar deberán decorar as súas vivendas ou locais, polo menos, desde o 20 de decembro ata o 6 de xaneiro e poden formalizar a súa inscrición dende o 4 de decembro de 2023 ata o 15 de decembro de 2023 a través do correo concello.lancara@eidolocal.es, chamando ao Concello ou achegándote a el.

No caso dos propietarios de locais, poderán adherirse ao programa dende o 27 de novembro de 2023 ata o 1 de decembro de 2023, por email, teléfono ou presencialmente no concello. A lista final de establecementos adheridos, onde os gañadores particulares gastarán os seus vales, publicarase o 4 de decembro nas redes oficiais e no taboleiro de anuncios.

Premiados

O Goberno local de Láncara premiará aos mellores locais e vivendas decorados, que serán anunciados a través das redes sociais do concello e no taboleiro de anuncios da sede electrónica.

Así, os premios serán diferentes segundo a tipoloxía de decoración. No caso dos locais, o primeiro premio será de 100 euros, o segundo de 75 euros e o terceiro de 50 euros. Pola súa parte, os particulares serán premiados con 150 euros no caso do primeiro premio, con 100 euros no caso do segundo e con 50 euros no caso do terceiro. Estes premios a particulares serán vales para gastar en establecementos adheridos.

Desta maneira, o Concello de Láncara promove unha iniciativa de Nadal para promover o bo ambiente na vila e nas diferentes parroquias, pero tamén a promoción do comercio local.