Skip to main content
Paradela

As tres pontes derruídas de Paradela poderán ser rehabilitadas coa axuda da Xunta

Por 13 Novembro, 2023Sin comentarios

Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, reuniuse co alcalde de Paradela, José Manuel Mato, co obxectivo de avaliar o proxecto municipal para a restauración das pontes sobre o río Loio.

O rexedor trasladoulle á vicepresidenta segunda que as tres pontes principais que atravesan o río Loio quedaron derruídas debido aos temporais do pasado inverno, e agora impiden o paso dunha beira a outra nunha contorna incluída no espazo de interese local (ENIL) Loio-Ruxidoira.

Durante o encontro, Ángeles Vázquez coincidiu na importancia de restaurar as pontes porque son fundamentais tanto para garantir a conservación da biodiversidade ao delimitar zonas específicas de paso como para promover o turismo sustentable nestas áreas ao formar parte dun itinerario de 7 quilómetros homologado pola Federación Galega de Montañismo.

Nesa liña, a vicepresidenta segunda informou ao alcalde da posibilidade de obter financiamento para este proxecto ao abeiro das axudas para actuacións de municipios e entidades nas reservas da biosfera de Galicia, dado que este concello se localiza na Reserva de biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.

Estas axudas teñen como obxectivo a promoción da conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, o fomento do desenvolvemento sostible e a mellora do patrimonio cultural nestes espazos protexidos.