Skip to main content
Sarria

Os populares de Sarria denuncian que seguen esperando polas contas do matadoiro municipal

Por 5 Novembro, 2023Novembro 6th, 2023Sin comentarios

Os populares de Sarria critican que seguen á espera de que se lles faciliten as contas do Matadoiro Municipal, “algo que se lles nega, mentres o alcalde intenta desviar a atención facendo o paripé con tacos de documentación pero sen os datos que realmente importan para avanzar na investigación”, sosteñen.

Así, denuncian que a actitude do alcalde “parece unha tomadura de pelo para a veciñanza nunha situación na que xa estamos a falar dun burato de 200.000 euros”. Por isto, dende o Grupo Municipal Popular “pedimos seriedade e rigor con este asunto, xa que paseando os papeis dun lado a outro e sacando fotos con eles non vai aclarar nada. Que deixe de teatralizar e comece dunha vez a clarificar as contas”.

Na Comisión de Investigación, os populares pediron que se desglosase o importe que falta, pero tampouco se accedeu a esta petición, polo que reiteraron a solicitude da contabilidade do servizo. Desta maneira, din que “hai mais dun mes que se pediu de forma oficial datos básicos sobre as contas do servizo durante os últimos catro anos” e din que aínda non se llos deron.

Aclarar o asunto

Carmen López, voceira do PP de Sarria sostén que desde o grupo político queren os datos dos gastos e ingresos de forma detallada, “non é nada extraordinario, son datos que o Concello ten no seu poder e debe ser o punto de partida de calquer procedemento encamiñado a clarificar a situación”, explica.

Sostén, ademais, que “é imposible chegar ao fondo do asunto se nin sequera se nos dan os datos dos ingresos por especie para poder confrontalos cos datos de sacrificio que se aporten no seu momento pola administración sanitaria”.

Por último, avisan de que “tarde ou cedo imos acceder a información, por moitos obstáculos que se nos poñan, pero é incomprensible que nos vaian a obrigar a facelo a través do xulgado, mentres alardea nos medios de transparencia”, conclúen.