Skip to main content
Sarria

Louseiro acolle a XI edición do festival de música San Martiño Caníbal

Por 10 Novembro, 2023Xaneiro 4th, 2024Sin comentarios

Este sábado, 11 de novembro, a parroquia de Louseiro de Sarria acolle a XI edición do festival de música San Martiño Caníbal, organizada pola asociación cultural Os Gorriós. Así, durante esta xornada terán lugar catro concertos gratuítos nos que actuarán Kreze, Juan Rodot, The Fooldans e Tecor Societario.

A xornada comezará cunha misa e, tras a celebración relixiosa, actuará no escenario do campo da festa de Louseiro o grupo Kreze para despois compartir unha comida popular de cocido.

Despois da comida, que poderán desfrutar tantos veciños e veciñas da parroquia como as persoas interesadas en achegarse, terá lugar unha obra de títeres de Trécola Producións na que farán partícipes aos asistentes.

Sobre ás 20.00 horas será a quenda da actuación de Juan Rodot e ás 22.00 horas será o momento dos lugueses The Foolans, concertos nos que colabora o Buril de Sarria. Por último, a xornada rematará cunha queimada ás 00.00 horas e a música de Tecor Societario, que porá o punto final ao último festival do ano da comarca de Sarria.

Organización do evento

Desde a Asociación Gorriós destacan a colaboración do Buril na organización deste festival porque “sempre coñecen a bos artistas da zona e axúdannos a contactar con eles”.

Ademais, din que a organización da iniciativa foi como “todos os anos” e tamén esperan a mesma afluencia de xente que anos anteriores, como o pasado, no que se achegaron á parroquia de Louseiro arredor de 300 persoas.

Así, valoran tamén a colaboración do Concello de Sarria, xa que “todos os que estamos na directiva temos traballo e todo o facemos altruistamente por amor ao pobo e a nosa asociación, polo que toda a axuda é benvida”.