Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXAComarca LUGOXAComarca TERRACHÁXA

“O aspecto esencial é promover o estudo da paisaxe da Chaira”

Por 19 Novembro, 2023Novembro 20th, 2023Sin comentarios

A Fundación Margarita Ledo Andión nace empadroada na casa familiar da cineasta co obxectivo de pór a disposición de todas as persoas interesadas material pertencente á cultura galega así como ser un espazo de encontro en torno á cultura, ao cinema e ao territorio.

Como nace a idea de crear esta fundación?

Nace de que queremos que todo o material que hai dentro da casa e que todo o que eu teño acumulado, que son moitos libros, principalmente de comunicación, de cine e tamén de fotografía así como obras gráficas de gravado, litografía e serigrafía de diferentes autores e autoras estea a disposición da xente. Que todo este legado cultural e de comunicación, en vez de levalo a lugares onde xa hai exceso de obxectos culturais levalo a un lugar que teña que ver con nós, que estea vivo e onde podamos crear un centro de estudos, de investigación, de entretemento e de cultura.

Para quen está pensado este novo espazo?

Está pensado como un lugar para xente interesada sobre todo en cine e comunicación pero tamén obviamente para xente interesada en todo o que ten que ver coa literatura e a cultura galega e tamén pintura, gravado, obra gráfica e foto. O espazo da fundación vai ser o que se coñece como Casa da Galería, que está no centro de Castro de Rei e imos adaptala para que conte cunha biblioteca, mediateca e diferentes espazos expositivos, de obradoiro e de residencias para investigadores e estudosos. A nosa idea é que estes espazos estean listos en dous anos para poder funcionar de maneira normal.

Durante estes dous anos vai a haber algunha actividade?

Fixemos unha pequena exposición dun documental e queremos comezar con actividades no próximo verán. No momento que se aproba unha fundación, como neste caso de interese cultural, tes que comezar a facer plans de actividades. Entón imos realizar fundamentalmente exposicións de obra gráfica e visual, da produtora Nós, que está tamén ligada á familia, e doutros autores e autoras cos que temos relación.

Estará vinculada co territorio?

Si, hai un aspecto interesante para nós que é promover o estudo da paisaxe da Chaira, do seu significado e tamén da súa conservación. Isto querémolo comezar a facer a través de seminarios, de foros de discusión e de análise de campo. Xa que estamos no centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos que facían excursións e análise de campo a través de observar e tomar notas, nós queremos volver pisar, observar e ver a paisaxe en relación co patrimonio da Chaira e debater isto para tratar de melloralo e conservalo. Todo o que ten que ver coa paisaxe da Chaira vai ser prioritario.

Como vai ser a xestión do espazo, vai estar presente de maneira continua?

Non de maneira continua porque non podo por outro tipo de compromisos, pero si vou estar presente. Ademais, a medio prazo queremos profesionalizado e que estivesen persoas á fronte que se ocuparan de todo. Agora hai que comezar a inventariar, a localizar documentación e a ordenala, todo isto é un traballo que leva tempo. A idea é dalgún xeito profesionalizalo e que haxa persoas que podan atender a quen lle interese polo menos dous ou tres días á semana.

Será accesible todo o material?

Si, vai haber zona accesible de biblioteca, de visionado de materiais, de consulta de documentos e puntualmente ás actividades que se organicen. Vai ser sempre un espazo accesible excepto algún material que poda ser para investigación, pero o máis relevante vai ser o que vai estar aberto a todo o público.

Cal é o principal obxectivo desta nova fundación?

Por unha banda é darlle uso e poñer a disposición de quen lle interese toda unha serie de materiais que eu teño como libros, películas, fotos e documentación diversa, darlle unha saída a todas esas cousas que están publicadas. Pero sobre todo facer que a xente se encontre, facer que a xente recupere espazos, que poda falarse de cultura en acción, ligada a cuestións que teñan que ver co coñecemento do lugar onde están. A min interésame moito obviamente tamén todo o que ten que ver cos estudos da cultura en lingua galega e ligada ás mulleres. Na chaira e sobre todo en zonas próximas como é Lugo hai moitas mulleres en ámbitos creativos diversos que nos interesa dar a coñecer.

Estará centrada principalmente na cultura galega?

Si, fundamentalmente si. Haberá intercambio con outras fundacións, haberá tamén visitas e accións ligadas a outras culturas, fundamentalmente ao ámbito lusófono, xa que eu traballei sempre no ámbito de Portugal e de Brasil. 

Pero tamén obviamente a calquera aspecto ligado ao cinema e ao que se coñece como cinema das pequenas nacións que son independentes, con lingua propia e con moitas características comúns de onde xurdiu tamén o chamado no seu momento novo cinema galego. Polo tanto, un centro de encontro e un centro de intercambio da cultura galega con outras culturas. Un pouco tamén este é o sentido de calquera cultura, relacionarse con outras, incorporar aspectos e crear este circuíto de sinerxías e de ampliar a mirada.

Esta nova fundación estará conectada con outras?

Si, está conectada e conectarase con outras fundacións que hai na Chaira como a de Manuel María, que está moi próxima, en Outeiro de Rei, e Manuel María foi un dos meus mentores; coa Casa Cunqueiro, que está en Mondoñedo ou con Gaita Films, que está en Meira, e tamén hai un patrimonio moi forte ligado ao Castro de Viladonga. Polo tanto, crear toda esta rede e complementar para toda a xente que está interesada na cultura, quere facer ou aprender a ver cine e outro tipo de actividades que poden ser múltiples e variadas e que en cada momento aparecerán iniciativas que non veñan só de nós senón doutro tipo de persoas.