Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Paula Prado reclama maior investimento no rural nunha visita a Friol

Por 15 Novembro, 2023Sin comentarios

A número dous dos populares galegos pon en valor medidas a prol do sector gandeiro por parte do Goberno encabezado por Alfonso Rueda, como os 12 millóns de euros que o Orzamento de 2024 destinará a gandeiros de Indicación Xeográfica Protexida ou o feito de que Galicia sexa unha das primeiras comunidades en garantir indemnizacións para as mortes de vacún causadas por EHE.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reclamou hoxe un maior investimento no rural por parte do Goberno de España, denunciando que “miles de millóns de euros que poderían ir ao rural galego irán a Cataluña para pagar a investidura de Pedro Sánchez e o seu capricho de seguir na Moncloa a costa dos cartos de todos os españois e, por suposto, dos galegos”.

E nesta liña referiuse á sesión de investidura que hoxe se celebra no Congreso dos Deputados, que cualificou de “agravio a España e a Galicia” e na que, destacou, o presidente Feijóo “dará voz a ese clamor de miles de españois que están en contra da amnistía, das cesións ao independentismo catalán, da desigualdade territorial e da creación de comunidades de primeira e de segunda”.

“O PPdeG estará sempre a carón dos galegos e por iso seguiremos traballando para impedir que esta desigualdade se produza, para que o noso rural poida seguir sendo rendible e para que os galegos que queiran vivir no rural e do rural poidan facelo”, reivindicou a secretaria xeral nunha explotación gandeira de Friol acompañada por membros da Comisión de Medio Rural do PPdeG, como Avelino Souto e José Balseiros, e o alcalde deste concello, José Ángel Santos.

Paula Prado puxo como exemplo do compromiso da súa formación co rural galego as diferentes medidas postas en marcha desde o Goberno galego co presidente Alfonso Rueda á cabeza. Citou así os 17 millóns de euros en axudas ao sector gandeiro para paliar as consecuencias da guerra de Ucraína ou a Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia.

Puxo en valor ademais que nos Orzamentos de 2024 haberá en torno a 12 millóns de euros para gandeiros de Indicación Xeográfica Protexida, así como o feito de que Galicia sexa unha das primeiras comunidades autónomas en garantir indemnizacións para as mortes de vacún causadas polo virus EHE.

“O PPdeG está implicado no futuro deste sector porque é tamén o futuro de Galicia”, asegurou poñendo como exemplo os numerosos servizos que desde o Goberno galego se poñen a disposición da poboación rural – as casas niño, as casas do maior, os polos de emprendemento ou os impostos cero – co obxectivo de “asentar poboación e que a xente do rural non só poida seguir vivindo no rural, senón tamén vivir do rural”.

A través da súa visita á explotación gandeira Lucres e na posterior reunión con representantes das asociacións de criadores das razas de vacas Limousin e Blonde de Aquitania, na que tamén participou a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia; os populares quixeron coñecer de primeira man a situación do sector, ofrecerlles a súa colaboración e profundar na integración destas razas en Galicia.

JOSÉ ÁNGEL SANTOS: “O PPdeG É O PARTIDO DOS GANDEIROS DE GALICIA”

Pola súa banda, o alcalde de Friol non dubidou en asegurar que o PPdeG “é o partido dos gandeiros do Galicia”. Contrapoñendo esta aposta decidida da súa formación coa “ciencia ficción” que o PSOE e o BNG ofrecen ao sector.

“O Goberno galego leva anos impulsando medidas enfocadas en incrementar o rendemento das explotacións gandeiras e así favorecer non só a súa rendibilidade económica, senón tamén a creación de tecido socioeconómico no rural de Galicia”, afirmou antes de destacar que, precisamente grazas a medidas como esta, “unha familia pode vivir do sector primario con plenas garantías en Galicia”.