Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAGuitiriz

O XIX Rally Rías Altas Clásico chega o sábado a Guitiriz

Por 8 Novembro, 2023Sin comentarios

Consiste nun percorrido para vehículos históricos que se desenvolverá por estradas abertas ao tráfico.

O Concello de Guitiriz acolle este sábado, 11 de novembro, o XIX Rally Rías Altas Clásico de regularidade, organizado conxuntamente co Moto Club Coruña-Escudería Centollo da Coruña.

A cita foi presentada hoxe na Casa Habanera pola alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e o organizador da proba da Escudería Centollo, Eduardo Iglesias. O evento, non deportivo, consiste nun percorrido para vehículos históricos cunha velocidade media inferior a 50 Km/h., cunha quilometraxe aproximada de 136 Km., desenvolvéndose por estradas abertas ao tráfico, nas que os participantes terán que respectar en todo momento as normas de circulación.

A sesión dará comezo ás 14 horas coas verificacións técnicas, que se levarán a cabo no bar O Korreo. Logo do breafing está prevista a saída do primeiro participante ás 15:30 horas e a entrega de premios, que será no balneario de Guitiriz, para as 21:30 horas. Os vehículos participantes sairán cun intervalo de un minuto entre eles, tratando de evitar no posible a formación de caravanas durante o percorrido.

Marisol Morandeira animou á xente “a que desfrute deste evento porque ten uns atractivos diferentes aos dun rally de velocidade, como poden ser os propios vehículos históricos” “Sempre estou encantada de que se fagan probas deportivas no concello e neste caso estou dobremente encantada por ter unha espiña cravada ao non poder celebralo no ano 2020 como estaba previsto”, explicou.

Eduardo Iglesias agradeceu “ao Concello e aos patrocinadores locais a súa colaboración” e comentou que “en 2020 pretendíamos facelo, a pandemia impediuno e aquí estamos para cumprir o prometido”. “A afección en Galicia é moi ampla, existen numerosos clubs de clásicos, a este evento virán coches de todas as provincias e en total conseguimos que participasen 29 coches”, indicou.