Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAGuitiriz

Paixón e talento baixo paus

Por 12 Novembro, 2023Novembro 13th, 2023Sin comentarios

A porteira Yanira Guizán Montes debutou este ano na máxima categoría feminina do fútbol sala nas filas do Viaxes Amarelle, logo da súa formación desde prebenxamín nas ligas galegas co Concello de Guitiriz FS.

Ninguén dúbida a estas alturas de que Guitiriz ten unha longa relación co fútbol sala. Sen dúbida, parte da culpa debe botarse sobre Manolo Martínez, coñecido nas canchas como Maradona, que a base de traballo, constancia e agarimo leva traballando por este deporte. Foi el tamén en parte responsable de que hoxe en día Guitiriz poda presumir de ter a unha novísima veciña xogando na máxima categoría do fútbol sala, na Primeira División.

Tiña Yanira 7 anos cando acompañou ao seu irmán maior a un adestramento de fútbol sala. Ía coa súa nai, que tiña previsto para ela unha clase de pintura á que nunca chegou a asistir. Manolo viuna darlle patadas a un balón mentres esperaba e convenceu á nai de que a deixase quedar ao adestramento.

Empezou en prebenxamín e non tardou en despuntar dentro do seu grupo. Como a maior parte dos equipos daquel tempo estaban en ligas galegas, Yanira formouse nas competicións raíñas. Xa desde pequena descubriu que o seu lugar era baixo paus, onde comezou e onde segue defendendo agora ao seu equipo coruñés, “porque é o meu, non quero xogar noutra posición, é o que me gusta”, di convencida. Ademais, sempre foi convocada polas categorías superiores á dela e sempre no equipo masculino, sendo peza indispensable na portería ao longo dos anos.

O Concello de Guitiriz FS viuna nacer como xogadora, viuna crecer e tivo que deixala marchar este ano cando o equipo perdeu a súa praza na Liga Galega por falta de xogadores.

Pero Yanira xa levaba tempo preparándose para este paso. Non quería deixar o equipo da súa vida e aínda lle quedaba un ano en xuvenís pero sabía que sería cuestión de tempo, polo que, incentivada polo adestrador, comezou o seu achegamento ao club coruñés, onde probou e onde comezou a adestrar de forma complementaria a tempada pasada.
O salto produciuse finalmente este ano e desde o seu debut na competición, alterna coas outras dúas porteiras xogando a práctica totalidade dos partidos.

O SALTO A PRIMEIRA

Cando se lle pregunta como levou o cambio, medita a resposta e, coa sinceridade que a caracteriza asegura que “lévoo ben. Ao principio custoume bastante acostumarme pero agora xa collín o ritmo. Pero aos partidos vas con moita máis tensión, tes máis responsabilidade, non estás xogando unha liga pequena, estás xogando en Primeira e iso está aí”.
Explica tamén Yanira que a principal diferenza de xogar na feminina está na forma de velo xogo. “Eu viña de xogar con rapaces e agora no feminino é distinto. As mulleres pensan máis que os homes, saben como atacar, non se basea tanto na forza bruta, é máis técnica e táctica porque a constitución física non é a mesma”, aclara.

Yanira síntese cómoda no Viaxes Amarelle. Axudou a tempada que adestrou o ano pasado antes de xogar, onde se foi formado o vínculo que se precisa para saír á cancha e poder ler a mente das túas para que o teu xogo sexa máis efectivo e, no seu caso, para que o rival non o sexa.

“Temos un grupo moi bo, estamos todas moi unidas -explica Yanira, que é a máis pequena do equipo-. Son como a nena do grupo, apóianme todas e axúdanme moito”.

A VIDA DIARIA

Pero esta vida deportiva na elite ten a súa cara B. O vivir en Guitiriz ten un esforzo suplementario ao ter que asistir catro días á semana aos adestramentos a Coruña, máis a xornada do partido, que ademais, debido á categoría, pode coincidir en calquera parte do territorio estatal.

Estudante de Segundo de BAC, un curso moi esixente, require dunha gran organización. “Intento ser moi organizada para poder levalo todo. Como teño unha tarde libre á semana é a que utilizo para outras cousas. O que levo peor son as horas de sono, que me deixa poucas”, engade.

Pero a súa vida social afirma que non se resentiu, polo menos polo de agora. Afirma que parte dos seus amigos están xa na universidade polo que fai vida social agora mesmo cos compañeiros de Guitiriz e logo coas compañeiras do equipo, “polo que non boto nada de falta agora mesmo”.

A súa ilusión e os seus proxectos seguen polo camiño que lle marcou o balón desde sempre. A súa meta é chegar ao máximo que se poda no fútbol sala e despois “ser profesora de Educación Física nun instituto”, un desexo que ten moi claro. Mentres tanto, unha parte vaise cumprindo cada fin de semana nos parqués de todo o Estado.