Skip to main content
Guitiriz

Guitiriz arrancará o sábado a Semana da Música

Por 14 Novembro, 2023Sin comentarios

O Concello de Guitiriz celebrará, outro ano máis, a Semana da Música na honra a Santa Icía. Un evento cunha completa programación de concertos, a cargo das diferentes agrupacións do municipio, e outras actividades.

Hoxe, martes 14 de novembro, a Escola de Música municipal acolleu a presentación da Semana da Música. No acto, que estivo amenizado polo grupo da UNED Sénior de Guitiriz, participou a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira e o director da Escola, Francisco Javier García Canto.

A programación comezará este sábado, 18 de novembro, e rematará o próximo venres, 24 de xaneiro, completando seis xornadas de música para honrar a Santa Icía.

O sábado 18 de novembro haberá os dous primeiros concertos: ás 17:30 horas na Casa Barxa o de Bloquinho de Xermolos, e ás 20 horas na Casa Habanera será a quenda para Os Trapeiros dos Villares.

O domingo 18 de novembro tamén haberá dúas citas, as dúas na Casa Habanera: ás 12:30 horas o concerto de Caivanca e ás 19 horas actuarán a Banda Municipal de Guitiriz, o Grupo de Gaitas e o Grupo de Iniciación

O martes 21 de novembro, ás 11 horas, o grupo da UNED Sénior de Guitiriz cantará no Centro de Día ‘Casa do Capataz’. Pola tarde, de 17 a 18 horas, haberá na Casa Habanera un obradoiro para aprender a xogar coa música, dirixido a nenas e nenos de entre 5 e 10 anos. Para participar é necesario anotarse previamente.

Os concertos continuarán o mércores 22 de novembro. Ás 12:30 horas, no CEIP Plurilingüe Lagostelle, foliada con Na Casa Zoqueiro e ás 20:30 horas, na Casa Habanera, actuarán o Grupo Infantil, o Grupo de Gaitas e Baile e o Grupo de Cantos de Taberna de Xermolos.

O xoves 23 de novembro, ás 13:30 horas, o CEIP Santo Estevo de Parga acollerá outra foliada con Na Casa Zoqueiro. Ás 20:30 horas, na Casa Habanera, será a quenda para os grupos de canto e pandeireta de Xermolos.

A programación rematará o venres 24 de novembro ás 20:30 horas cun concerto na Casa Habanera coa Coral Xermolos e Amigos da Música.

Marisol Morandeira agradeceu “a implicación de todas as agrupacións do municipio, sen elas e o compromiso que amosan cada vez que lles propoñemos algo non sería posible facer este tipo de actividades”. “Convido a todo o mundo a participar e a levar xente aos concertos”, indicou.