Skip to main content
A PontenovaMeiraRiotortoTrabada

A Pontenova recupera as xornadas Terra de Miranda

Por 3 Novembro, 2023Novembro 4th, 2023Sin comentarios

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou a cuarta edición das xornadas Terra de Miranda, que terá lugar os días 10 e 11 de novembro na casa da cultura da Pontenova. Esta iniciativa que impulsan os concellos de Meira, Riotorto, Trabada e A Pontenova, en colaboración coa Nova Escola Galega, ten como obxectivo analizar a situación do medio rural desde a óptica educativa e en concreto este ano centrarase no despoboamento e na importancia de potenciar o turismo sostible no territorio.

Este acto contou tamén coa presenza do alcalde da Pontenova, Darío Campos, o representante de Nova Escola Galega, Paco Veiga, e o organizador das xornadas, Óscar Fernández, así como outras persoas do colectivo.

“Apoiamos estas xornadas porque na Deputación temos un fondo compromiso co rural e sabemos que o futuro da nosa provincia pasa por potencialo, porque é importante falar del, pero tamén hai que apostar por el, dotándoo de infraestruturas e servizos”, sinalou Rivera Capón, que puxo como exemplo desa aposta da institución a rede de centros públicos de atención a maiores, o investimento en infraestruturas ou o traballo co tecido asociativo.

O Deputado puxo en valor o carácter transversal e multidisciplinar das xornadas, que abordan temas de patrimonio, de historia ou de medio ambiente, e deu os parabéns aos organizadores por ser quen de recuperar esta cita que “bebe do pasado para marcar un bo rumbo no presente”, argumentando que o pasado é un “legado vivo que temos que aproveitar para deseñar o futuro”.

Darío Campos sinalou pola súa banda que “a situación do rural é cada vez máis desfavorable, porque os concellos temos cada vez menos recursos e máis competencias” e agradeceu a celebración deste tipo de iniciativas que invitan á reflexión desde puntos de vista “tan acaídos”. O alcalde da Pontenova tamén deu os parabéns á organización e convidou ás persoas interesadas en pasarse polo concello a tomar parte nestas xornadas a partir do próximo venres.

A Deputación de Lugo colabora con 2.500 euros para a celebración desta cita que, durante dous días, abordará na Pontenova diferentes temáticas a través de mesas redondas, relatorios e presentacións. Unha iniciativa que segundo destacou Paco Veiga, conta con preto de 40 colectivos involucrados e un total de 15 persoas forman parte da organización.