Skip to main content
Muras

Malestar entre a veciñanza de Muras pola paralización dos acordos no Pleno

Por 5 Novembro, 2023Novembro 6th, 2023Sin comentarios

A veciñanza de Muras non parece estar moi satisfeita coas decisións que se están tomando no consistorio xa que estas quedan paradas por falta de acordo. Esta situación comezou a elevar críticas na poboación, moitas delas desde o propio sector socialista, que quere que a localidade “siga avanzando” para o que é necesario o apoio ao Goberno en minoría.

O equipo que encabeza de novo o nacionalista Manuel Requeijo xa sabía que no o ía ter fácil. Nas últimas eleccións logrou unha maioría que non lle permitía gobernar en solitario, e a nova concelleira socialista, Jennifer Gómez, a única que saíu das urnas, non quixo entrar no Goberno, tal e como fixera o seu antecesor no partido, Mario Rouco.

E mentres nunha gran parte dos concellos da provincia e tamén de Galicia PSOE e BNG achegaban posturas para formar gobernos de esquerdas, favorecendo a Alcaldía para os socialistas, non pasaba así en Muras. Malia que o PSOE facilitou a distinción de Requeijo como alcalde, fíxoo coa abstención, “o que non se entende tampouco como apoio”, comentara o alcalde naquelas datas.

O concello de Muras conta actualmente con sete concelleiros, tres son do BNG, a lista máis votada, 3 do PP e 1 de PSOE. Este mesmo reparto levaba xa dúas lexislaturas pero agora a falta de entendemento entre as forzas de esquerdas levou a unha situación de bloqueo. A primeira parada foi a remuneración do alcalde. A súa aprobación foi levada a pleno en varias ocasións e non logra saír adiante malia as modificacións propostas por Requeijo.

A negativa a aprobar esta xerou un importante conflito que a poboación tampouco ve ben. Son moitas as voces que se alzan en contra deste “desgoberno”, algunhas delas afines ao partido da rosa, que non ven con bos ollos “este bloqueo que o único que fai e traer consecuencias para os veciños”, relatan algúns.

Simpatizantes do PSOE amosaron o seu descontento con esta situación alegando que “o alcalde, sexa do partido que sexa, ten que cobrar por estar aí, se queremos que Muras sega mellorando”. “Despois destes oito anos de progreso é unha vergoña deixar que pase isto”, afirma unha simpatizante socialista que recoñece “que hai cousas coas que podemos non estar de acordo ou que nos gustaría que se fixeran doutro xeito, pero hai que deixar gobernar”.

Un dos veciños avanzou que esperan que se faga unha reunión dos socialistas do municipio para intentar atopar unha vía de solución a este conflito “que non pode seguir así, non todos queremos este bloqueo”.

Esta situación xera tamén un clima de malestar entre a veciñanza, que non aproba tampouco este intercambio de opinións e acusacións “que non benefician a ninguén, só ao Partido Popular, que ve como so que deberían ser afines pelexan entre eles”, conclúe unha veciña do sentir da esquerda.