Skip to main content
Vilalba

Ramón Villares presenta en Vilalba o seu novo libro

Por 7 Novembro, 2023Sin comentarios

O vindeiro venres 10 de novembro, ás 19 horas, terá lugar na Casa da Cultura da capital chairega a presentación do último libro de Ramón Villares, nun acto organizado polo Concello de Vilalba en colaboración coa Asociación Cultural Amigos de Prisciliano.

Baixo o título Galicia e Portugal. Irmandade e fronteira (Vigo, Editorial Galaxia, 2023), este ensaio establece un diálogo coa historia e coa cultura portuguesas, cunha ollada ao futuro para entender que Galicia e Portugal poidan acadar unha nova dimensión institucional e un peso rexional no cadro da Unión Europea, aproveitando as vantaxes políticas transfronteirizas. O autor será presentado polo xornalista Moncho Paz, quen dará unhas breves pinceladas sobre a súa traxectoria académica. Pola súa banda, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco Seoane, será a encargada de pechar o acto.

Ramón Villares Paz (Cazás, Xermade, 1951) é catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia no período 1986-1990, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (1990-1994), membro fundador e presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea (1996-2002) e presidente do Consello da Cultura Galega (2006-2018).

Foi director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (1997-2005) e dende 2006 é membro numerario da Real Academia Galega. Tamén pertence a varios padroados de centros e de fundacións (Museo do Pobo Galego, Fundación Juana de Vega, Fundación Luis Seoane ou Centro Galego de Arte Contemporánea, entre outros).

É autor de numerosas publicacións, entre as que destacan: La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936 (Siglo XXI Editores, Madrid, 1982); Foros, frades e fidalgos. Estudos de historia social de Galicia (Edicións Xerais, Vigo, 1982); Galicia. A Historia (Editorial Galaxia, Vigo, 1984); Figuras da nación (Edicións Xerais, Vigo, 1997); El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX (Editorial Taurus, Madrid, 2001); Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista (Fundación Otero Pedrayo/Real Academia Galega, 2007); Identidade a efectos patrios (Editorial Galaxia, Vigo, 2017) e Galicia, una nación entre dos mundos (Pasado & Presente, Barcelona, 2019). Xunto con Javier Moreno Luzón, é autor de Restauración y Dictadura, que se integra na colección Historia de España (Critica/Marcial Pons) que codirixe con Josep Fontana.