Skip to main content
Vilalba

O Concello de Vilalba solucionou máis de 3.200 incidencias do servizo Liña Verde

Por 10 Novembro, 2023Novembro 11th, 2023Sin comentarios

As máis frecuentes teñen que ver co alumeado público, algún problema en estradas e beirarrúas, recollida de lixo e control das velutinas.

O Concello de Vilalba solucionou máis de 3.200 incidencias comunicadas polos veciños e veciñas a través do servizo Liña Verde, posto en marcha no ano 2020.

Grazas á implantación deste servizo, os veciños dispoñen dunha canle directa de comunicación co concello para informar sobre as incidencias e os danos localizados no municipio.

O tipo de incidencias que máis se comunicaron son aquelas que fan referencia ao alumeado público (19%); seguido de problemas en beirarrúas e estradas (13%); recollida de lixo (6%); control das velutinas (4%); rede de sumidoiros/augas (3%); parques e xardíns (3%), sinalización e semáforos (3%), e limpeza (3%).

“Agradecemos a participación dos veciños e veciñas, aos que animamos a usar o servizo, que axiliza a resposta por parte do concello”, afirma a alcaldesa, Marta Rouco.

Para poder utilizar este servizo é necesario proceder á descarga da APP Liña Verde. Para iso, o usuario accede a Google Play ou APP Store en función da tecnoloxía empregada na súa Smartphone (Android/iOS). Unha vez localizada, leva a cabo a descarga de forma gratuíta.

A partir dese momento, o usuario selecciona o municipio sobre o que quere comunicar a incidencia. O procedemento é moi rápido e sinxelo. Para comunicar unha incidencia, basta con picar sobre o botón ‘Nova Incidencia’ e un despregable coas diferentes tipoloxías de incidencias aparece en pantalla.

O usuario selecciona aquela sobre a que quere comunicar. De forma automática, a APP detecta as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano e o seguinte paso é achegar unha foto da incidencia e observación sobre a mesma. Xa só queda dar ao botón de enviar.

Unha vez enviada, persoal do concello recibe notificación do dano comunicado. A partir deste intre, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán, á súa vez, recibe notificación no seu teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado da mesma.

A través de Liña Verde, o usuario tamén pode expor calquera consulta ambiental. Basta con seleccionar a opción de “Fai a túa consulta”. Nun prazo máximo de 24 horas terá resposta por parte dun equipo de expertos na materia de forma completamente gratuíta.

Ao servizo Liña Verde tamén se pode acceder a través do domino www.lineaverdevilalba.gal. Ademais de comunicar unha incidencia ou expor unha consulta, o usuario dispón dun amplo contido de consulta ambiental (guía de boas prácticas, consellos, información propia do municipio, etc).

Liña Verde tamén ofrece os seus servizos a través de contacto telefónico no número 902 193 768 en horario de 08.00 horas a 17.00 horas.