Skip to main content
Vilalba

A película rodada en Vilalba ‘Julia’ recibe seis nomeamentos aos Premios Goya

Por 10 Novembro, 2023Sin comentarios

Dirixida por Jacobo Lagüela, a película Julia posiciónase como unha destacada contendente nos 38º Premios Goya, con 6 nomeamentos en diversas categorías, demostrando que o cinema comunitario ten un lugar privilexiado no panorama cinematográfico español.

As candidaturas aos 38º Premios Goya do film son mellor película, mellor película documental, mellor dirección novel, mellor dirección de fotografía, mellor guión orixinal e mellor montaxe.

Tras a súa exitosa estrea en cinemas en setembro e un percorrido internacional en festivais de máis de tres continentes, acumulando cinco premios, Julia mergúllanos na conmovedora historia dun neto emigrado en Reino Unido e a súa avoa Julia. Filmada durante as súas vacacións, a película non só captura a vida de Julia, senón que tamén rescata arquivos históricos doutros directores que filmaron nas mesmas partes de Galicia desde os anos 20 ata os anos 60.

A banda sonora, a cargo de Xosé Lois Romero, Aliboria e Baiuca, guía ao espectador a través do presente, pasado e futuro, rescatando as últimas vontades da avoa Julia. O seu desexo é claro: que os seus bisnetos comprendan a súa forma de vivir e esfórcense por preservala.

A película comezou como un proxecto entre Julia e o seu neto Jacobo, quen comenta: “Deille un abrazo á miña avoa, coloquei o trípode e ela fixo o resto”. O entusiasmo traduciuse rapidamente nun crowdfunding que recibiu apoio inicial na comunidade da Terra Chá. O concello de Vilalba foi a primeira organización en sumarse, seguida pola Filmoteca de Galicia, Agadic, a produtora Mate Estudo e a distribuidora City Blue Films.

Julia iniciou o seu percorrido por asociacións culturais, concellos, escolas e universidades en Galicia, Portugal e España, da man de organizacións como Fademur, que buscan visibilizar á muller rural, utilizando a película como unha poderosa plataforma para a divulgación desta realidade.

“Non só é unha obra cinematográfica; é un testemuño da conexión interxeracional, a riqueza cultural e a importancia de preservar as nosas raíces. O seu recoñecemento nos Premios Goya destaca a calidade e relevancia desta produción, consolidándoa como un referente no cinema español contemporáneo”, di a crítica.