Skip to main content
Vilalba

O Concello de Vilalba consensúa cos empresarios os traballos de pintado do polígono

Por 23 Novembro, 2023Sin comentarios

O Concello de Vilalba comezará nos próximos días as tarefas de pintado e sinalización horizontal e vertical das rúas e os espazos públicos do polígono industrial de Sete Pontes.

A actuación, cun orzamento de 20.000 euros, está consensuada coa directiva dos empresarios do polígono e comezará coas labores de limpeza e desbroce. Inclúe o pintado de máis de 13.000 metros de línea continua e discontinua, máis de 1.000 metros cadrados de pasos de peóns, e numerosas sinais horizontais e verticais. Estudarase tamén a colocación de cámaras de tráfico.

A alcaldesa, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, visitaron hai unhas semanas o polígono co presidente dos empresarios de Vilalba, Moisés Carballeira, e o vicepresidente, Pedro Vidal, e agora xa está todo listo para comezar os traballos.

“Unha nova mellora das infraestruturas públicas en Vilalba, neste caso nunha zona tan importante como é o polígono e coa máxima colaboración cos empresarios, que son os que veñen a diario; que as obras sirvan para mellorar a seguridade viaria e os servizos ás empresas instaladas aquí”, sostén Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba.

O obxectivo é realizar os traballos antes de que remate o ano, aínda que o ritmo das tarefas dependerá das condicións meteorolóxicas.