Skip to main content
Vilalba

Marta Rouco nega que o Concello chegase a ningún acordo sobre o futuro da estación de autobuses

Por 27 Novembro, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, desminte “de forma rotunda e categórica que eu chegase a un acordo coa Xunta de Galicia sobre o futuro da estación de autobuses”.

“Mantivemos unha reunión e fíxose un plantexamento por parte da Xunta de substituír a actual estación por un apeadeiro, pero non se chegou a ningún acordo, quedaron en presentarnos unha proposta”, explica Rouco.

“O que fixen foi defender os intereses dos vilalbeses e vilalbesas, Vilalba ten por algo unha estación de autobuses e se a Xunta ten outra proposta, debe concretar se inclúe algún servizo engadido máis, en que condicións ou como será a urbanización da zona; diso foi do que falamos”, engade.

No encontro, celebrado o venres, participaron a xefa territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, María José Nistal; o subdirector de Infraestruturas da Dirección Xeral de Mobilidade; Juan Vidal; a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, e persoal técnico municipal.

“É unha deslealdade institucional que falen dun acordo nun comunicado de prensa enviado pola Xunta aos medios, un comunicado non consensuado e que non reflicte o falado na reunión, o concello agarda a proposta da Xunta para continuar as conversas pero non pechou ningún acordo”, remata Rouco.