Skip to main content
LugoVilalba

Darío Villanueva recibiu nun acto no pazo de San Marcos o premio Otero Pedrayo

Por 30 Novembro, 2023Decembro 1st, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, entregoulle este mércores o Premio Otero Pedrayo a Darío Villanueva nun acto que acolleu o salón de actos do Pazo de San Marcos, ao que tamén asistiron a deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro, a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, e o deputado de Medio Ambiente, Carlos López, ademais doutros representantes das entidades culturais e institucións que colaboran na organización do premio.

José Tomé felicitou ao premiado recoñecendo a súa traxectoria e valía como profesor, filólogo, escritor, experto en cine e poesía, “agudo articulista e autor de interesantes reflexións sobre as cidades”. “Dicir que Darío Villanueva é un dos grandes intelectuais galegos do noso tempo é pouco máis que unha obviedade, e apenas lle fai xustiza á súa biografía”, asegurou o Presidente, quen engadiu que, “sobre todo, é unha persoa volcada no estudo, na comprensión e no coidado do logos”.

O mandatario provincial lembrou que o Otero Pedrayo “é un premio itinerante, un peregrino que viaxa sen descanso entre as catro deputacións. Un símbolo do compromiso das administracións locais coa cultura, e unha boa demostración de que a cultura nace de abaixo arriba, por todos os recunchos do noso territorio”.

A Vicepresidencia da Deputación organizou o acto, que as institucións provinciais celebran de forma rotatoria. “Otero Pedrayo foi un construtor da nación galega, unha nación no mundo e por iso para nós, dende a área de cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, é un pracer colaborar co Premio Otero Pedrayo conxuntamente coas outras tres deputacións ademais da Xunta e, este ano, como institución anfitrioa, é unha honra”, sinalou na intervención inaugural a deputada Iria Castro.

A responsábel provincial felicitou a Darío Villanueva, elixido para recibir o galardón polo xurado, formado por representantes das institucións organizadoras e tamén polas tres universidades, a RAG, o Instituto Padre Sarmiento e a Fundación Otero Pedrayo.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na entrega do premio. Como representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades gabou a traxectoria, “de sobra coñecida”, de quen “é e continúa a ser un dos máis brillantes intelectuais do noso tempo” e quixo destacar dela, “por ser un dato menos repetido ca os dos seus cargos de presidente da RAE ou de reitor da USC”, que Darío Villanueva “foi tamén o primeiro director técnico da área de literatura do Centro Ramón Piñeiro da Xunta de Galicia, unha mostra máis de que non fuxiu de asumir responsabilidades naqueles lugares onde era chamado para impulsar o amor polas linguas e pola literatura”.

A Deputación de Lugo fora por última vez escenario da entrega deste galardón no ano 2019, cando recibiron Ramón Villares e Paco Martín esta distinción. Este premio ten como obxectivo perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, recoñecer a contribución eminente á cultura e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da cidadanía e das institucións. A música de MJ Pérez marcou a sonoridade dun acto conducido pola actriz e directora de teatro Tareixa Campo.