Skip to main content
Xermade

Xermade solicita financiamento para a rehabilitación da antiga escola de Ladrela

Por 24 Novembro, 2023Novembro 25th, 2023Sin comentarios

O Concello de Xermade vén de solicitar o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (DOG n.º 182 do 23/09/2016) para o financiamento da rehabilitación da escola de Ladrela, segundo a memoria descritiva asinada pola técnica de urbanismo, medio ambiente e obras o 31/10/2023, por importe de 57.250,42 euros, cun prazo de reposición de oito anos, a razón de 7.908,02 euros por ano.

A rehabilitación permitirá reforzar a estrutura e dotar ao inmoble de dúas novas estancias destinadas a baño e un espazo de cociña e almacenaxe.

As obras levaranse a cabo no edificio illado situado no lugar da Ladrela, na parroquia de Piñeiro. Trátase dunha antiga construción con muros de pedra de planta rectangular e cuberta a dúas augas destinada a local social de os veciños da zona.

Actualmente os muros da edificación teñen graves problemas de estabilidade por mor da tensión que exerce a cuberta sobre eles o que está a provocar que os cerramentos presenten un acusado esborralle na súa parte superior. Este problema está a agravarse debido á falta de estabilidade do muro sur xa que as filtracións de auga e xurros procedentes da parcela contigua na base deste elemento, están a acentuar a debilidade do mesmo.

Interiormente o local presenta importantes carencias de confort térmico debido principalmente ao deficiente illamento das carpinterías (porta e xanelas) que provocan condensacións e filtracións do aire exterior.

Co fin de levar unha actuación “proporcionada” ao valor que ten a construción, exponse unha importante intervención de conservación aproveitando ao máximo os elementos construtivos existentes.

A primeira intervención será a execución do recalce perimetral de todos os muros, especialmente o muro sur, mediante a execución de unha viga de cimentación baixo este cerramento pétreo. Esta cimentación de apoio fará as funcións de beirarrúa e realizarase en bataches duns 3 metros para non comprometer a estabilidade das paredes.

Preténdese conservar a estrutura de madeira existente para o que se expón a execución dun apeo realizado con perfís metálicos sobre os que descansará o armazón de madeira, de tal maneira que non transmita esforzos sobre os muros de pedra no que actualmente se apoia.

Esta nova estrutura de apoio estará composta por unha serie de piares HEB‐140 situados nas cara interior dos muros lonxitudinais e coroaranse con senllos perfís IPE‐180 que situarán na coroación dos muros e sobre eles descansará a estrutura de madeira mediante unións metálicas que garantirán a estabilidade da cuberta.

Os piares revestiranse con tabiques de cartón‐xeso tipo Pladur xerando uns machones que se repetirán en todos os panos existentes entre xanelas. O perfil de coroación quedará visto, salientando así a solución construtiva proposta.

Ao fondo do local executaranse dúas novas estancias independentes: un aseo adaptado e un espazo con cociña e almacén. Estas obras implican á súa vez traballos de fontanería e electricidade. Finalmente proponse a limpeza de os muros de pedra para o seu posterior encintado con morteiro de cal.