Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

O BNG presenta as emendas que aos orzamentos para a zona da Mariña

Por 10 Decembro, 2023Sin comentarios

A dirección comarcal do BNG, con cargos orgánicos e institucionais vén de presentar as emendas aos Orzamentos da Xunta 2024 no que ten a ver coa Mariña. Estes orzamentos que xa no seu día foron cualificados de escasos e insuficientes polos nacionalistas mariñaos serán debatidos no Parlamento o 19 de decembro e debateranse tamén as 20 emendas que presenta o BNG desde A Mariña, e que abordan problemáticas que levan anos agardando solución, nos ámbitos sanitario, sociosanitario, infraestruturas, saneamento, portos, industria, emprego…..

Atención sanitaria

A crítica situación da atención sanitaria na comarca ocupa gran parte das emendas ao texto orzamentario, especialmente a atención primaria e os centros de saúde, onde a falta de medios materiais e humanos é patente, con perda de prazas médicas e con graves problemas en servizos tan esenciais como pediatría, fisioterapia ou o de enfermeiras especialistas en osbstetricia-xinecoloxía (matronas). Demándase a cobertura e creación no seu caso de todas esas prazas para prestar un servizo en óptimas condicións. Así mesmo desde o BNG demándase a praza de segundo técnico de ambulancia medicalizada, suprimida polo Partido Popular. Demandan aumentar as partidas correspondentes a estes conceptos nun montante total de 4M€ para o exercicio 2024.

Infraestruturas sanitarias e socio-sanitarias

A consignación orzamentaria para o novo centro de saúde de Ribadeo é outra das esixencias do BNG, así como dotación tamén para a reforma integral do hospital asilo de San Sebastián e San Lázaro en Ribadeo tamén, xa que nos dous casos a estas alturas só existen anuncios.

Demándase tamén dotación económica para a reparación do Centro de Día de Lourenzá.

Saneamento

A construción dunha nova EDAR en Burela, que ata o de agora tén consignacións insuficientes é outra das demandas, así como a construción da EDAR de Barreiros en San Miguel de Reinante, para a que son precisos 4.000.000€, e onde o Partido Popular facendo gala do seu sectarismo desde o goberno da Xunta leva anos castigando aos veciños e veciñas de Barreiros consignando 0€ para tal fin nos orzamentos.

Infraestruturas viarias e transporte

Demándase consignación orzamentaria suficiente para executar a VAP Costa Norte San Cibrao-Ferrol, que en 14 anos o PP só executou 7km na Mariña e outros 7 no Ortegal, dos 90km que hai previstos de trazado.

Así mesmo, faise fincapé noutra promesa incumprida do PP, que é a reparación da estrada LU-161 Viveiro-O Valadouro, polo que se pide consignación para a súa pronta execución.

Proponse tamén a elaboración dun proxecto de servizo de proximidades en intermodalidade no treito da liña de tren Ortigueira-Ribadeo

Infraestruturas portuarias

Para Foz proponse a remodelación da dársena do peirao de Tupide e a modificación da bocana de entrada e tamén a mellora no acceso á canle de entrada do porto.

Plan de emprego

Diante da situación que está a vivir a comarca a nivel industrial e económico, proponse un Plan de Emprego de ámbito comarcal impulsado pola Xunta e coa participación dos concellos, axentes sociais, económicos, empresas, entidades formativas…., acompañado dunha política de desenvolvemento local que poña o acento nas cuestións produtivas, infraestruturais, medioambientais, sociais….

Servizos administrativos

Proponse a creación dunha nova unidade xudicial en Viveiro.

Son perto de 20 M€ o que os nacionalistas propoñen a través de 20 emendas para a comarca. Son investimentos necesarios para que A Mariña non quede relegada e poida estar en igualdade de condicións con outros territorios do país, máxime cando foi e é ata agora a comarca máis puxante da provincia.

“Fronte ás eternas promesas incumpridas do Partido Popular para esta comarca e fronte aos continuos desprezos a que nos someten, presentamos estas emendas que non son máis que as continuas demandas das mariñás e mariñaos manifestadas desde diversos ámbitos e que ven como esta comarca vai ficando relegada coas nefasta políticas do PP desde o goberno da Xunta” afirmou o responsable comarcal Antonio Veiga.

Pola súa banda, o deputado mariñao Daniel Castro, asegurou que “estes son os últimos orzamentos de desprezo á Mariña do Partido Popular, porque é preciso rematar canto antes con estas políticas que discriminan á comarca que só consisten en poñer parches sen solucionar os grandes problemas que condicionan gravemente o futuro da Mariña”