Skip to main content
Burela

O PP de Burela di que o municipio deixa de percibir arredor de 140.000 euros polo canon da auga

Por 13 Decembro, 2023Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular lamenta que a alcaldesa de Burela “antepoña os intereses dunha empresa privada aos dos veciños e veciñas da nosa vila”. Así o manifestan os populares trala celebración dun pleno extraordinario no que o goberno bipartito (PSOE-BNG) acordou conceder unha prórroga anticipada á actual concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento de Burela, en lugar de sacar un concurso público.

Os populares condenan esta decisión porque “prexudica claramente ao Concello de Burela; xa que o canon que está a abonar a concesionaria é moi inferior ao que están a abonar en concellos da zona con características similares que si renovaron recentemente o contrato da prestación deste servizo”.

Concretamente, os concelleiros do PP advirten que “o Concello deixa de percibir -en comparación cos últimos contratos adxudicados na zona para concellos de similares características- arredor de 140.000 euros con respecto ao que percibe na actualidade polo canon do servizo”. E, para os populares, “é unha mágoa que pola incapacidade deste bipartito, Burela non dispoña dese diñeiro que podería reverter en beneficio de Burela e os nosos veciños como por exemplo nas asociacións, nas familias en risco de exclusión social, na RPT do Concello, etc.”.

Dende o PP explican, ademais, que “ao non sacar novo concurso público o goberno local non se ve capaz de marcar as obras que debe executar a actual concesionaria á que se lle renovou o contrato, algo que se podería facer a través dun novo concurso público ao que puideran concorrer múltiples empresas”.

“A falta de previsión para sacar a tempo un concurso público que sería o máis vantaxoso para a nosa vila e, ademais, tamén o máis transparente, deixa unha vez máis en entredito ao goberno bipartito de Burela”, consideran os populares que, ademais, condenan “o posicionamento do BNG”. Os nacionalistas “pasaron de defender fai uns meses a municipalización do servizo no seu programa electoral a defender agora unha empresa de gran capital para a renovación deste servizo básico para Burela”.

Os populares condenan tamén, unha vez máis, “a asombrosa falta de capacidade de traballo” do goberno bipartito como demostra o feito de “ser a enésima vez que o bipartito leva a pleno unha proposta de alcaldía que contiña erros: citaba ordes que non existen”. E custoulles moito facer os cambios requiridos ante as advertencias do Grupo Municipal Popular.