Skip to main content
Burela

Comezou a recollida dos residuos orgánicos nos novos contedores marróns de Burela

Por 15 Decembro, 2023Sin comentarios

O Concello de Burela deu comezo á recollida dos residuos orgánicos nos novos contedores marróns do municipio, sendo o segundo concello da Mariña en implantar este sistema despois de Cervo, que alberga a planta de residuos orgánicos da comarca.

“Tiñamos o compromiso de facelo antes de rematar o ano e así foi, cumprimos o obxectivo adiantándonos ás problemáticas que puideron xurdir”, sinala o concelleiro de Benestar Comunitario, Ramiro Fernández Rey.

“Colocamos os primeiros contedores especialmente xunto a comedores e restaurantes, así como xunto ás casas, e pouco a pouco imos seguir implantándoos en todo o municipio”, apunta o edil.

Nesta primeira xornada xa se recolleron “preto de 400 kilos de restos orgánicos para tratar na planta de Cervo, polo que somos optimistas con respecto á implantación do servizo”, explica Fernández Rey.

O concelleiro quixo agradecer ao técnico de Medio Ambiente Cristian Pérez López “o gran traballo feito para que fose posible cumprir o obxectivo de poñer en marcha o servizo este ano, grazas a el estamos no punto no que estamos”.